13/7/18

25 aniversario do María Casares

       



     O sábado 29 de xuño, malia choiva, foi o fin de festa da celebración do 25 aniversario do instituto. Un grupo de profesores e de alumnos (de antes, eles non queren que lles chamemos exalumnos, porque sempre serán alumnos do IES María Casares) estivo traballando arreo todo o curso para chegaren a este broche final. 
     Houbo dou presentadores de excepción, dous alumnos de onte e de sempre: Alejandro Carro e Celia Varela, que foron dando entrada aos distintos protagonistas contando anécdotas recoñecidas por moitos. 
     Podedes ver que atentos todos! 



     O alcalde de Oleiros, que tanto traballou e traballa polos xoves e pola educación no concello fixo tamén un discurso remontándose aos tempos de creación do centro e rematado por unha promesa: doación dunha insignia que pertenceu a Santiago Casares Quiroga, pai da nosa María Casares.
     Falou tamén Xosé Alfeirán, profesor de Xeografía e Historia, quen fixo unha semblanza da biografía de María Casares relacionada especialmente coa nosa zona: Montrove, polo pazo onde pasaba os veráns e a praia de Bastiagueiro, na que sempre pensaba cando vivía no exilio.
     Falaron tamén Marisa Ron, a primeira directora que votou a andar o instituto cando aínda era coñecido como o "instituto de Bastiagueiro" ou o "instituto de Santa Cruz"; Diego Álvarez Puente, profesor de Matemáticas e membro de distintos equipos directivos; Alejandro Porto Andión, profesor de Bioloxía e director ata agora. Despois foron os alumnos de onte e de hoxe os que subiron ao escenario: Juan Martín Prieto, Lois Alcayde Dans, Sara Babío e Gadea Abad.












     Tras eles foi a actriz Mabel Rivera a que nos leu uns textos de Residente privilexiada, a biografía de María Casares. Díxonos, emocionada, que xa se sinte tamén parte do noso centro. Grazas, Mabel!
     


   O último en subir foi Daniel Celester, alumno e actor, quen nos levou a ver por fin o marabilloso mural conmemorativo que as profesoras de Debuxo Ana García Gullón e María Magán deixan para sempre na saída ás pistas, espectacular!
     Unha fermosa alegoría da actriz que nos leva ao seu traballo no teatro, representado coa máscara,  e no cine, representado na película de celuloide que a envolve.




     Na parte final: a referencia ao noso instituto coas cores "pantone" que foron deseñadas por Fernando Fernández Páez e que este curso repintaron os alumnos coas profesoras de Debuxo; tamén deixan a referencia ao aniversario e á creatividade dos máis novos. O mural foi posible grazas a ANPA Os Pazos, sempre atenta a traballar arreo con nós. Grazas, nais e pais dos nosos alumnos!


Ana





    E despois, o de sempre, comida e bebida baixo unha carpa (coa que caeu pola tarde, viu moi ben), e moitas risas e recordos. Música para rematar e fotos, fotos e fotos!
     
     Grazas a todos e ata sempre!


   



21/6/18

Fin de curso: Club de ciencia

    Chegamos, por fin, ao verán, e os nosos compañeiros do Club de Ciencia traballaron arreo o mércores para expor todas as súas experiencias. 
     Levan todo o ano traballando e deixando impronta  nas distintas modificacións que ven acollendo o instituto (os planetas do segundo andar teñen cambiado para sempre, e para ben, as cores e o ambiente do centro).










       Alumnos e profesores quixeron amosar a toda a comunidade educativa o que fixeron en robótica,  e en ecoloxía na procura da sostenibilidade:































      Fixeron unhas tartas ben ricas para educarnos en  hábitos alimentacios, intentando que non abusemos do azucre


   

         E nas matemáticas, reagruparon os xogos con que nos intrigaron todo este curso cun vistoso calendario:











      A construción e instalación da cúpula xeodésica foi a estrela da xornada, como non tiña cabida dentro tiveron que poñela no xardín:





     A xornada rematou coa charla do investigador médico Francisco Blanco, animando a todos a procurar unha vida máis saudable e de máis calidade, e a seguir afondando nos coñecementos científicos.
     Grazas a todos. E boa sorte nas notas finais!

Roteiro Cultural: Kaideda, Tenreiro, Neira Vilas e Roi Casal

     
Procedencia da imaxe: Concello de Oleiros

     Os alumnos de 1º de Bacharelato fixeron un roteiro cultural polo Concello de Oleiros, acompañados polos seu profesores. 
     
     A iniciativa do Concello (auspiciada polo Servizo de Normalización Lingüística e o Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais)  foi secundada polos tres institutos e mesmo os alumnos do IES Xosé Neira Vilas e os do IES Miraflores traballaron arreo xunto cos Equipos de Normalización Lingüística para facer un percorrido cultural polos lugares máis emblemáticos: nas Torres de Santa Cruz o centro de atención foi Kaydeda, houbo visita ao Museo de Oleiros; no Parque José Martí falaron de Anisia Miranda e a súa obra literaria; finalmente, en Montrove houbo unha referencia á arquitectura de Antonio Tenreiro.




     Choveu moito mais tamén houbo tempo para o lecer e para a música.


  

     Roi Casal musicou uns poemas de Xosé Neira Vilas e nos deixou a súa obra cunha agarimosa dedicatoria:


11/6/18

Colaboradores


      Xa estamos en xuño, aínda que non parece, e queremos dende a Biblioteca agradecer aos alumnos que colaboraron connosco na realización das actividades nestes últimos meses. O traballo pódese tomar coma un xogo ou un momento de lecer se se quere, falando e argallando con papeis pasamos un bo rato.

    Houbo quen recortou e pegou para poñer na Árbore da Literatura uns adornos moi especiais, recomendando libros para Nadal.









     Houbo quen pasou tempo doblando e doblando para darvos o tríptico coas recomendacións lectoras do Club de Ciencia:



      Que quedaron así:


      A todos,  moitas gracias por ser voluntarios da Biblioteca!
   


4/6/18

Fred Vargas

   
Fred Vargas na Semana Negra de Xixón, 2009 (Procedencia da imaxe: Semana Negra Gijón)

    Anunciaron estes días o próximo Premio Princesa de Asturias das Letras, e o galardón é para Fred Vargas.
     O seu nome é Frédérique Audoin-Rouzeau, escolleu o de Fred Vargas como homenaxe a María Vargas, personaxe interpretado por Ava Gadner na película La condesa descalza.
     Que gusto, cando os premios son tan ben elexidos.
   Quen é Fred Vargas? Unha muller, marabillosa arqueóloga francesa, especialista en arqueozooloxía, e na idade media; sobre esta época escribiu  ensaios como Les chemins de la peste, le rate, la puce e l'homme (non traducida aínda: Os camiños da peste, a rata, a pulga e o home)
     De sempre viviu nun ambiente cultural xa que o seu pai era un poeta surrealista (Philippe Audoin) o seu irmán é historiador, mesmo a súa irmá xemelga, Jo Vargas, é pintora. A ela  sempre lle da a ler as súas narracións antes de publicar nada.
     As súas novelas pertencen ao xénero policíaco, o "noir" francés, mais non son só unha historia de asasinatos e policías. Sempre teñen un trasfondo de enigma aparentemente irresoluble que pode ser explicado ao final grazas á intuición ilóxica do protagonista, o comisario Adamsberg. Na súa comisaría os seus compañeiros son uns tipos bastante peculiares; está o dipsómano inspector Danglard caracterizado por unha personalidade complexa e intrigante, xunto a un saber casi infinito,  que debe cuidar tamén aos seus cinco fillos; a tenente Retancourt, un prodixio da natureza en canto a forza e da psicoloxía en canto á lealtade. Todos os axentes contan cunha característica definitoria da súa personalidade  (a narcolepsia, a supervivencia ao ataque dun lobo...), sempre sorprenden e nunca defraudan.
     A autora interésase pola creación do perfil psicolóxico dos seus protagonistas. Lendo cada novela, o importante non acaba sendo o caso nin a súa resolución final, senón as forzas encontradas nas relacións humanas: a mentira e a verdade, o secreto e a revelación, a lealtade e a traizón, o amor e o desamor, a violencia e a calma, o recordo e a amnesia, a infancia como impronta dos conflictos da madurez...

Procedencia da imaxe: Editorial Siruela


     Na súa última novela, grande obra narrativa, asistimos á perda de confianza entre os dous grandes protagonistas, o comisario e o seu segundo na oficina; ás relacións de poder que se establecen nos centros de traballo mais tamén nas familias; á violencia larvada que está agachada detrás das relacións coas mulleres; todo xira en torno a un caso moi difícil: mortes relacionadas coa picadura dunha araña... O comisario Adamsberg debe trasladarse a unha zona concreta onde nun pasado difícil e hostil uns seres humanos viviron unha violencia física e psicolóxica imposible de esquecer.
     No instituto temos algún libro de Fred Vargas: El hombre de los círculos azules, Huye rápido, vete lejos, Fluye el Sena. Achégate a ela e descubre unha novela diferente coa primeira da serie:

Procedencia da imaxe: DeBolsillo


28/5/18

Philip Roth

    

    Philip Roth, o escritor americano representativo da "Gran novela americana" faleceu a semana pasada aos 85 anos.
     Nacido en 1933, en Newark, New Jersey, escribiu máis de trinta novelas ademais de ensaios e memorias. 
     Recibiu numerosos premios, como o Príncipe de Asturias das Letras e o Man Booker international. O Nobel, non... Nestes tempos de denuncias e de corruptelas, non resulta sorprendente que os bos escritores non leven o máximo premio das letras.  
     Curiosamente, o Premio Nobel de Literatura non será entregado este 2018..., en 2019 haberá dous... Detrás desta decisión insólita están acusacións de corrupción e de abusos sexuais en torno a un académico sueco (expulsado fulminantemente cando trascendiu a información)
     Mais Philip Roth era un escritor total, que recibiu a influencia de Franz Kafka e de Dostoievski, e que sempre falou de que escribir era, para el, un acto moi doloroso.
     El lamento de Portnoy foi o seu primeiro éxito, en 1969, unha exploración tormentosa e radical da sexualidade masculina no protagonista, xudeu, coma o autor.
     Sete novelas de Roth, (non confundir con Joseph Roth, outro dos grandes), teñen como protagonista a Nathan Zuckerman, un escritor que é o alter ego do autor. Pastoral americana, Me casé con un comunista, La mancha humana, son novelas duras sobre a identidade, a hipocresía da sociedade americana, o lugar dos xudeus de clase media, ou media alta,  nos Estados Unidos.



      A sorpresa chegou con Némesis, de 2010, Philip Roth anunciou a súa despedida e non voltou a escribir ficción narrativa. Unha novela onde a aparición dunha epidemia de polio será o detonante para analizar as reaccións dos protagonistas e para facer unha crítica mordaz da sociedade xusto no 1944, cando os fascismos europeos estaban chegando a América.
     


18/5/18

Día das Letras

 
Procedencia da imaxe: Europa press

      Este ano, o Día das Letras ten unha protagonista inusual, ou alomenos, diferente: María Victoria Moreno foi unha escritora nacida en Extremadura  (aínda que viviu e estudou en Segovia), que chegou a Galicia para traballar nun instituto de Pontevedra. Ficou na nosa terra e convertiuse ao galego. De seguido comezou a escribir relatos dirixidos aos máis novos, aínda que tamén cultivou a poesía, o teatro e, especialmente, xa na etapa de madurez, a novela.

     Entre as súas obras adicadas á literatura infantil e xuvenil está Leonardo e os fontaneiros, publicada en 1986. Nesta novela, Antón e o seu can, Leonardo, viven distintas situacións cómicas no día a día. O protagonista é un rapaz de 12 anos, quen tamén conta as súas vivencias e "fala" co seu inseparable can.



    No principio da novela xa avisa de que podemos ler en orde ou salteando, de xeito que nos  di: "Non pensas que é mellor ler seguido? Con todo... pax. 21".

     Ou, ao rematar o segundo capítulo, atopamos un atallo:

        "Eu, onda ti, lía todo seguido. Pero se pasas á páx. 41, saberás por que me sinto ben na escola"

     De tanto traballar cos alumnos, coñecía moi ben como sodes por detro. Aí tedes unha cita:
     
         "Antes non era así e a vida parecía outra. Pero é chegar ós catorce anos e revirarse todo. A             xente deixa de entender, os pais incomódanse por cousas sen importancia, os profesores sácanche       as  ganas de estudiar... E ti vas aturando, e vaste poñendo espiñento..."

     A súa obra máis coñecida, que foi lectura obrigatoria en tantos institutos galegos..., é Anagnórise, subtitulada "Novela de amor".
     O protagonista é Nicolau, un rapaz que marcha da casa despois dun desengano amoroso, vai cara a Madrid e o recolle cando está "facendo dedo" unha muller que viaxa soa. El, ao principio, está distante: é dos que pensan que "as tías non molan", "as tías non saben conducir"..., o típico... Mais na viaxe descubre unha alma xemelga nesa señora que escoita a David Bowie e viaxa ata Granada.


     

7/5/18

Cervantes e as mulleres

     



    O 2 de maio fumos ver e escoitar a Soledad Felloza na representación de "Las hidalgas de El Quijote", na previa do exame de Literatura de 1º de Bacharelato, estivo ben traído todo o que os fixo lembrar o que estades estudando.
     Nestes tempos tan extraños e difíciles para as persoas de ben, o discurso de Soledad, parafraseando a Cervantes, é unha lección de "hidalguía", de respecto polas mulleres e de reivindicación da libertade.
     Na súa famosísima novela, Cervantes sempre deixa un lugar destacado para as mulleres, as hidalgas, as pastoras, as benamadas polos cabaleiros andantes... 
     Resulta tan moderno ler as intervencións de Marcela, a pastora por quen morre Grisóstomo, declarando que non quere casarse cun home porque non quere deixar de ser libre e de percorrer soa os lugares que lle son amados. (Sempre as mulleres teñen que xustificar que queren estar ao seu, sen cumprir coas normas adquiridas inconscientemente dende hai séculos)
     
               "Hízome el cielo, según vosotros decís, hermosa, y de tal manera que, sin ser poderosos a           otra cosa, a que me améis os mueve mi hermosura, y por el amor que me mostráis, decís, y aún         queréis, que esté yo obligada a amaros. [...] " (cap. XIII, El Quijote I, 1605)

     Noutro momento da súa arenga aos homes que a culpan da morte do seu namorado afirma:

               "El verdadero amor no se divide y ha de ser voluntario y no forzoso."

     Para rematar cunha reivindicación inaudita neses tempos (principio do século XVII)

              "Yo nací libre y para poder vivir libre escogí la soledad de estos campos."

     O mesmo Don Quijote, sempre atento á causa da libertade,  intervén para defender á pastora, ninguén poderá achegarse a ela ou perecerán ante a súa lanza: 

               "Ninguna persona de cualquier estado y condición que sea, se atreva a seguir a la hermosa       Marcela, so pena de caer en la furiosa indignación mía. Ella ha mostrado con claras y suficientes      razones la poca o ninguna culpa que ha tenido en la muerte de Grisóstomo, y cuán ajena vive de        condescender con los deseos de ninguno de sus amantes, a cuya causa es justo que en lugar de ser     seguida y perseguida, sea honrada y estimada de todos los buenos del mundo."

     Cervantes, de vida "azarosa", soubo moi ben dos problemas das mulleres xa que conviviu coas irmás e as sobriñas, cando estaba en Valladolid, con bastantes problemas económicos. A súa casa, de non moi boa reputación, era coñecida como a casa das "Cervantas". 

     Miguelanxo Prado deixou uns dibuxos maxistrais na súa obra Miguel en Cervantes y El retablo de las maravillas, (editado por Astiberri en 2015, podedes atopalo na nosa biblioteca)onde repasa a biografía do autor e da súa estrana familia:
               
debuxo de Miguelanxo Prado na edición comentada


portada do libro de Astiberri


27/4/18

Día do Libro

 




      O luns, 23 de abril, celebramos o Día do Libro e os vosos compañeiros deixaron uns post-it  cos títulos dos libros que para eles son os seus favoritos:






    Tamén puxemos no vestíbulo unha mostra de libros que podedes atopar na biblioteca e que representan todos os xéneros literarios:



 
      Nós, como decía Don Quijote, queremos ter unha formación completa. El falaba das armas e as letras, agora falamos do "Amor pola ciencia" e da "Paixón pola lectura". Dende o Club de Ciencia tamén celebramos o Día do Libro coa edición dun tríptico de recomendacións lectoras que teñen relación con algún apartado do mundo da ciencia.








No primeiro andar puxemos as frases máis celebres e celebradas dos dous escritores: Miguel de Cervantes, nado en Alcalá de Henares; e William Shakespeare, nado en Stratford-Upon-Avon:









E tamén no vestíbulo, a carón da entrada, a nosa árbore da literatura recolliu os brotes dunha primaveira chea de suxestións: Era por setembro de Xabier Quiroga, Maravillas de Brian Schenik, El carnaval de los ladrones, de Cornelia Funke, Os nenos da varíola de María Solar, Nocturnos de Ishiguro, Ciencia para Nicolás de Carlos Chorda ...,  entre outros.






23/4/18

23 de abril

     



        Hoxe, luns, celebramos o Día do Libro, en recordo de Cervantes e de Shakespeare.
     Polo instituto levamos xa días argallando para visibilizar (está de moda o verbo) esta data e, especialmente, para que vós teñades un recordo dela e unha información que nunca ven de máis.
     Como xa sabedes, o  23 de abril de 1616 coincidiron na data (que non no día) os dous escritores máis importantes daquel tempo: en castelán escribía Miguel de Cervantes y Saavedra; en inglés, William Shakespeare.


Primeira edición
     Cervantes foi un escritor xenial que non foi recoñecido nos seus tempos ata que lle chegou a fama pola primeira publicación de El Quijote (en 1605), a gran novela moderna para todos os lectores occidentais.





 Naciu en Alcalá de Henares, onde hoxe hai unha Casa-museu na que fora a do seu avó paterno, Juan de Cerbantes (ou Cervantes, ou Ceruantes), de orixe galega.




Os alumnos de 2º de Bacharelato recordan ben a viaxe que fixemos en novembro e a visita á casa Cervantes, onde viron a famosa carta que lle escribiu á súa amada Dulcinea, firmando como "El Caballero de la Triste Figura", nome que lle puxo o seu escudeiro, Sancho Panza.



 
Tamén un debuxo onde podemos ver moi ben o refrexo da súa famosa frase:

     "No son gigantes, son molinos"




     Tivo sempre desexos de ser escritor, mais tamén de ser un militar, segundo o ideal da época. No Renacemento, as armas e as letras debían ir xuntas  e Miguel de Cervantes, que era un home do Renacemento, foi soldado do imperio ás ordes de Don Juan de Austria, á bordo da armada española, no Mediterráneo. Participou na batalla de Lepanto, xunto ao irmán Rodrigo, e foi ferido nunha man. Aí empezaron as súas desgracias... Cando voltaban para casa, a bordo da galera Sol, foron apresados por uns piratas berberiscos e tiveron que pasar 5 anos como cautivos en Arxel. Alí tiveron que esperar moito para seren rescatados (as ordes relixiosas recaudaban cartos para pagar os rescates dos cautivos), mesmo intentaron fuxir alomenos catro veces. Resulta que Cervantes levaba unha carta de recomendación para buscar empleo en España, dada a súa ferida non podería seguir sendo militar, iso fixo que os turcos pensaran que era un home rico e importante e pedían moito por el.
     Hoxe conservamos os papeis oficiais do xuicio a Cervantes e de como conseguiu ser liberado.


Ensaio onde se recollen os anos de cuativerio e a liberación

     Dende que chegou a España a súa vida foi un continuo afán por conseguir chegar a ser funcionario nas Indias, mais non tivo sorte. Escribiu poesía, teatro, novela... E nunca chegou a nada ata que o Conde de Lemos donou os cartos para pagar a edición de El Quijote na imprenta de Juan de la Cuesta, na rúa de Atocha, en Madrid.




      A partires dese momento, 1605, xa pasou o que todos sabedes.
    Edicións, traducións, fama, un recoñecemento mundial, a escritura da segunda parte, un Quixote falso, a publicación das demáis obras que tiña gardadas esperando un mellor momento, e a segunda de 1615, aínda mellor ca primeira. 
     De William Shakespeare sabemos moi pouco: foi actor, nacido en Stratford-upon-Avon, perto de Birmighan, en Inglaterra. Casou, foi actor, escribiu poesía, teatro... Ou non? Hai sospeitas de que a súa identidade como dramaturgo non era real e que detrás del estaba o gran escritor Christopher Marlowe.
     A obra de Shakespeare é coñecida en todo o mundo, deixou grandes obras que nós lemos, Romeo e Xulieta (en 1º de ESO, adaptada), Hamlet (en 1º de Bacharelato, en Literatura Universal), e personaxes universais xunto con textos profundos que reflicten moi ben os defectos e as virtudes (poucas) dos homes e das mulleres.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...