Mostrando entradas con la etiqueta premios. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta premios. Mostrar todas las entradas

9/6/14

Nuria Mexuto Bautista gaña o primeiro premio no concurso de relatos do Centro Oceanográfico de Vigo

 
Procedencia da imaxe



 O pasado 5 de xuño recibiamos a boa nova de que unha alumna de 2º de ESO do noso instituto, Nuria Mexuto Bautista,  acababa de recibir nada menos que o primeiro premio do concurso de relatos que convocara o Instituto Oceanográfico de Vigo para conmemorar o centenario do Instituto Español de Oceanografía. Nuria conseguiu tan honrosa posición na categoría xuvenil, modalidade relato, cun conto titulado "O espello da vida". A listaxe dos demais premiados podedes vela premendo neste link. A nós só nos queda darlle os nosos parabéns a Nuria, cousa que facemos de todo corazón.

 

20/12/11

Bibliotecas escolares e municipais de luxo


As bibliotecas galegas xogan na primeira liga da cultura e o traballo ben feito. E afortunadamente vailles chegando o recoñecemento. Hai uns día soubemos que nada menos que seis bibliotecas escolares galegas saíran premiadas no Concurso Nacional de boas prácticas para bibliotecas escolares 2011, do Ministerio de Educación. Unha desas bibliotecas, a do CEIP de A Lama (Pontevedra)  conseguiu o primeiro premio na modalidade A, que comprende centros de infantil e primaria. Botádelle unha ollada ao blog desta biblioteca, O recanto de Leo, veredes que alma de lectores e artistas teñen estes pequenos e pequenas. En fin, que temos que estar orgullos@s do bo funcionamento das nosas bibliotecas e, por suposto, aproveitar as oportunidades que nos brindan. Nós desde  este blog enviámoslle a nosa felicitación a todo o persoal das bibliotecas premiadas, e aos seus alumnos e alumnas. Noraboa e a seguir traballando tanto e tan ben.


E encantadas estamos tamén de lles mandar a nosa máis entusiasta noraboa ás  bibliotecas municipais de Oleiros por outro recente primeiro premio que acaban de gañar: o  María Moliner, o máis importante galardón que pode recibir unha biblioteca neste país. Neste caso, o María Moliner considerou que o proxecto de animación á lectura que presentaron as bibliotecas oleirenses era o mellor de todo o estado. O tal proxecto titúlase Lecturas refrescantes. Podedes consultalo clicando no link correspondente.


20/9/11

Noraboa, Fernando

A imaxe procede do blogue da editorial Galaxia
A isto chámaselle empezar con bo pé. Resulta que moi pouquiño despois de arribar ao instituto e a punto de iniciar iso que podiamos chamar topicamente "unha nova singradura" enterámonos de que a Fundación Repsol lle concedeu a Fernando Díaz-Castroverde (para nós Fernando, o profe de galego) o  Premio Repsol de Narrativa Breve en Lingua Galega polo seu libro Microbios e outros paquidermos. Di Fina Casalderrey, voceira do xurado, que a obra de Fernando é das que fan pensar. Esas precisamente son as nosas favoritas. Así que estade atentos: en canto a editorial Galaxia publique Microbios e outros paquidermos, que, segundo me indica Fernando será para primeiros de novembro, mercaremos uns cantos exemplares para a biblioteca e xa o poderedes levar en préstamo. De momento déixovos uns links para que ampliades esta información, se vos prace.

El País: Repsol otorga su premio literario a Díaz Castroverde 
Entrevista a Fernando publicada en La Voz de Galicia

25/11/10

Ana María Matute, unha escritora feliz

Alineación al centro

Foto de flickr, autor: Pablo Álvarez
Ten levado uns cantos premios literarios ao longo da súa vida: o Café Gijón, o Planeta, o da Crítica, o Nacional de Literatura, etc, etc, etc. Pero a Ana María Matute (Barcelona, 1925) faltaballe o número un das letras en lingua castelá: o Cervantes, premio que en só dúas ocasións gañaran escritoras, a española María Zambrano (1988) e a cubana Dulce María Loynaz (1992). Tan sincera e simpática coma sempre, Ana María Matute recoñecía nunha entrevista recente publicada no xornal La Voz de Galicia que ela merecer merecía o premio, agora ben, non o esperaba. Enganouse. Onte mesmo a escritora recibía a noticia da concesión do Premio Cervantes e mostraba en público e sen ningún empacho a súa alegría e satisfacción.

Atrévome a dicir que ningún dos gañadores do Cervantes estivo tan cerca do mundo infantil e xuvenil como Ana María Matute. Lede o que escribía o periodista de La Voz de Galicia César Casal sobre a escritora:
Ella es la dama y yo soy el vagabundo que ha rastreado sus libros. Es un hada buena. Un trasgo travieso de los bosques. Su melena de nieve y su prosa de ensueño merecen todas las distinciones (...) La Matute se cayó de otra galaxia. Escribir para ella es atravesar el espejo y emboscarse en la fantasía.


Animádevos logo a iniciarvos na lectura dos libros de Ana María Matute, se é que non o tendes feito xa. Na biblioteca dispoñemos agora mesmo dos seguintes títulos:

El árbol de oro y otros relatos

El polizón del "Ulises"


Paraíso inhabitado


Lede o artículo completo de César Casal (moi recomendable): "La dama de las letras"

21/10/10

Premios Nobel en español

En bibliocabe, blogue de recoñecido prestixio na esfera dos biblioblogues, elaboraron este póster dixital, tamén chamado glosgter, coas imaxes e nomes de todos os escritores e escritoras que empregaron o español nas súas obras e tiveron a sorte de gañar o Premio Nobel de Literatura. Podemos aplicar á nómina dos premiados o dito aquel que reza "non son (indiscutiblemente bos) todos os que están nin están todos os que son". O paso do tempo arrumbou a algúns dos que aquí aparecen a un merecido olvido. Outros, en cambio, seguen tan frescos e válidos como o primeiro día.

18/6/09

E os premios van para ...




Xa temos os nomes d@s gañador@s da edición 2009 dos tres concursos convocados desde esta biblioteca: Pasaporte Lector, Recuncho de Poesía e Formación de Usuarios. Aquí os tendes:

Pasaporte Lector
1º premio: Sara López, de 1º de bacharelato C
2º premio: Celia Segado Quintas, de 1º de ESO A
3º premio: Lucía Souto Tizón, de 1º de ESO A

Recuncho de poesía
1º premio: María Rodríguez Castro, de 3º de ESO C
2º premio: Paula Fernández Rivera, de 1º de ESO B
3º premio: Marta López García, de 1º de ESO A

Formación de usuari@s:
Manuel Meilán, Cristina Rodríguez e Andrea Otero, de 1º de ESO A.

A todas elas, e a el, a nosa noraboa.

Posdata 1
Entregaremos os premios mañá venres día 19, no primeiro recreo. E aproveitaremos a cerimonia para lles pedir permiso aos concursantes para publicar a lo menos unha mostra dos seus magníficos traballos no noso blogue.

Posdata 2
A tent@s tod@s @s que participastes porque recibiredes un pequeno obsequio e todo o noso recoñecemento polo voso moi meritorio traballo.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...