19/1/09
En ruta: Trabzon, Turquía
A primeira do 2009 é moi exótica, enviamos como embaixador do "María Casares" a Fernando Domènech, profesor de Latín, de Oleiros a Trabzon (Trebson, Trebisonda, Trapisonda...), unha cidade costeira de Turquía, ao norte, no Mar Negro.
A viaxe ten un motivo profesional: un intercambio de experiencias con profesores de outros institutos que participan, coma nós, no programa "Comenius". Hai centros de Grecia, de Hungría, de Francia, de Alemania, de Italia e de Turquía (non, non é a Eurovisión)
Podemos seguir as novidades e incidencias desta viaxe nos próximos días, estade atentos!
Edgar Allan Poe, o escritor que nunca sorría
Ben seguro que hoxe a maioría dos biblioblogs publicaron ou van publicar unha entrada coma esta, dedicada a Edgar Allan Poe. E todo porque tal día coma hoxe, 19 de xaneiro, hai douscentos anos, nacía en Boston (Estados Unidos) este xenial escritor, creador dos relatos de terror e inspiración doutros moitos escritores. Amigo do macabro, din os seus biógrafo que “lle daba medo a escuridade, sempre vestía de negro e gustáballe pasear por cemiterios”. Sen dúbida , Edgar Allan Poe tivo unha vida complicada e unha morte estraña. Se queredes saber máis de ámbalas dúas, clicade no nome do escritor e Wikipedia poñeravos ao tanto. Ademais déixovos ao pé deste post dous links a sendos artigos sobre Poe aparecidos hai uns días na prensa.Comentan ambos, entre outras cousas, algúns dos actos que se celebrarán en conmemoración do bicentenario de Poe. Pero a min paréceme que o mellor é que vos saltedes todo iso e vaiades directamente a ler algún dos seus contos: hainos a patadas en Internet en galego, castelán, inglés e a saber en cantos idiomas máis. Por exemplo este: El gato negro ; ou este: O bocoi de amontillado. Se preferides, coma min, ler pasando as follas dun libro, na biblioteca temos uns cantos títulos de Poe. Pinchade, escollede e lede, se o tendes a ben.
Artigos: La Voz de Galicia
El Periódico de Catalunya
16/1/09
Por que ler?
Se precisas razóns para poñerte a ler, bota man das que che proporciona o xornalista Constantino Bértolo nun artigo titulado precisamente Razones para la lectura. A min non me entusiasma o texto de Bértolo: atópoo innecesariamente escuro e algo empalagoso de tan lírico. Pero como tantas outras veces, hai un montón de xente que non comparte os meus criterios estéticos. Por exemplo, a Fundación Germán Sánchez Ruipérez, que vén de premiar o traballo de Constantino Bertolo co Noveno Premio Periodístico sobre la Lectura. Invítovos a que leades o artigo (é breve) e deixedes aquí un comentario. Mirade o que di o banner da dereita: “Este blog aliméntase dos vosos comentarios”. Pois iso
A todo isto, a noticia que vos conto aquí vina no blog “Papel en blanco”. Xa sabedes, é ben dicir sempre de onde procede a información. A foto é de flickr
15/1/09
Literatura y vida
Andrés Amorós
14/1/09
After Dark


After Dark Escoitamos "Go Away Little Girl" de Percy Faith no Denny's, é a unha da madrugada, Mari, estudante universitaria de 19 anos, está no bar pasando as horas. Le, fuma e bebe café. Ten decidido pasar así a noite ata que saia o primeiro tren da mañá para voltar a casa. Haruki Murakami nos conduce pola noite de Tokio, vemos pasar xente solitaria, persoas conflictivas, misteriosas..., e asistimos como espectadores ás súas conversas nocturnas, cheas de confidencias pero sobre todo de silencios... Con Mari coñecemos a un músico de jazz que lle complicará bastante a noite, iremos ó Alphaville, un hotel por horas, sórdido e perigoso, e a outros bares onde soan outras músicas... De fondo, a imaxe intrigante da irmá da protagonista, belísima durminte que decidiu non espertar... Rara, a última novela de Haruki Murakami, que xa nos deixara en Tokio Blues as sinais do seu universo literario: Tokio, a noite, os bares, adolescentes con problemas de identidade, de relación, complicacións absurdas... É unha novela de imaxes e de banda sonora, parece escrita para cine ou videoclip. Anímate a ler algo diferente... |
Máis letras galegas en Internet
Fonte: La Voz de Galicia
A imaxe está sacada do portal da Biblioteca das Letras Galegas
12/1/09
"Crepúsculo", unha película de instituto
Os vampiros de Stephenie Meyer triunfan tamén no cine e polo visto van camiño de destronar a Harry Potter, o mago aquel que saltou con tanto éxito dos libros á pantalla seguido sempre por millóns de fans. Claro que estes vampiros da simpática Meyer son moi pouco convencionais: guapísimos, novísimos e con pinta de rockeiros. Dinos La Voz de Galicia de hoxe que a escritora apenas sabía nada destes personaxes da literatura de terror e que incluso descoñecía as claves de tal xénero literario. Aínda así, e despois dun soño "moi estrano", lanzouse a escribir e saíulle toda unha tetraloxía (Crepúsculo, Luna nueva, Eclipse e Amanecer) que está arrasando nas librerías e bibliotecas de moitas partes do mundo. Conste que eu souben da existencia desta escritora e da súa obra por un post que publicou Lara González, alumna deste instituto, no blog Tres Cuartos o 14 de xaneiro de 2008. Remítovos a el para que comprobedes con que entusiasmo animaba Lara a ler o primeiro libro da tetraloxía meyeriana. Déixovos tamén o tráiler da película, por xentileza de youtube, que ten ademais unha pila de arquivos sobre amores vampiros e adolescentes . La Voz de Galicia afirmaba que Crepúsculo era unha "película de instituto", logo encaixa ben neste blog, ou non?.
8/1/09
“…los malos libros son aquellos que nos dejan la cara y el estómago intactos. En general, venden más por eso mismo, pero no nos tiran a la lona. Cumbres borrascosas nos tira a la lona. Guerra y paz nos tira a la lona. Cualquier gran libro nos tira a la lona y le quedamos agradecidos por eso, puesto que vivimos a ras de tierra y no logramos levantarnos del suelo sin ayuda”.
Antonio Lobo Antunes
Fuente: Babelia
6/1/09
Os que levan o lume
“La carretera” , última novela do escritor norteamericano Cormac McCarthy, gañou o Premio Pulitzer de 2007 e converteuse nun dos libros máis vendidos dese ano. Actualmente estase rodando unha película baseada na súa historia, de aí a fotografía que ilustra este artigo (sacada de flick, bendito sexa)
Encólleseche o corazón lendo este libro. Mirade como empeza: “Al despertar en el bosque en medio del frío y la oscuridad nocturnos había alargado la mano para tocar al niño que dormía a su lado”. Frío e escuridade proceden dun mundo inhóspito, devastado polo que parece ter sido un holocausto nuclear. Nada se move, todo está queimado e cuberto de cinza. Neste escenario transcorre a historia de dous superviventes, un pai e o seu fillo, que viaxan pola estrada cara o sur, buscando non se sabe ben qué. Levan consigo un carriño de supermercado con algo de comida e outros cacharros e unha pistola con dúas balas para se defender dos bandidos, poucos pero moi perigosos.
Os críticos celebran a “eficacia narrativa” deste libro. Supoño que se refiren á capacidade para conmover, que a ten en cantidade, e para contaxiar as sensacións e sentimentos dos protagonistas: frío, fame, medo, pero tamén certa esperanza e sobre todo, afecto.
Para rematar, advírtovos que “La carretera” contén escenas de gran violencia (os malos son moi, moi malos), pero están xustificadas: sérvennos para comprender o mérito dos protagonistas que no medio de tanta ruindade son capaces de manter vivos o amor e a compaixón”