26/9/10

De volta

A xente que formamos o equipo da biblioteca queremos dar a benvida a todos os alumnos e alumnas que vos acabades de incorporar ás clases, especialmente aos de primeiro de ESO que arribades este ano ao noso centro. Sede tod@s benvid@s.


Tomade nota de que a biblioteca está xa á vosa disposición durante todo o horario lectivo. As portas están abertas e os estantes cheíños de libros. Témolos para todos os gustos: de aventuras, amor, viaxes, intriga e o que se vos ocorra. Pasade, remexede e pedide, que nós estamos desexando prestar. Por certo, como en cursos anteriores, se non atopades o que queredes, decídenolo, que veremos de mercalo.


E para rematar, rogámosvos aos que levastes libros da biblioteca para ler no verán que os devolvades canto antes para que sigan rodando. Se vos quedou algún por rematar, pedide prórroga. En ningún caso permitades que os vosos libros, propios ou prestados, esmorezan esquecidos nun estante ou servíndolle de pata ao sofá estartelado, que non se convertan en disappointed como o do vídeo que vos deixo aquí e que vos invito a ver se tendes dous minutiños libres. Eu atopeino en Bibliorios, un blogue como a copa dun pino.

27/6/10

Un verán cheo de libros

Vémonos en setembro

Unha boa idea para marchar de vacacións, é un video-clip grabado en EEUU que invita á lectura.
Son dous meses de lecer, de praia, de estudar si toca examinarse en setembro e de ler.
Pois iso, good books to read!
Vémonos en setembro!

20/5/10

Uxío en palabras




Levamos tempo lendo os poemas, os versos , as palabras, e tamén escoitando falar de Uxío Novoneyra... Agora é a vosa quenda. Comeza un concurso literario e artístico: o vello Caderno de Poesía que coñecedes doutros cursos vaise encher coas palabras de Uxío (as que foron aparecendo espalladas polas paredes, nos corredores, polos cristais e pola biblioteca) e as vosas interpretacións.
Tedes as fotos en slide e as instrucións nas aulasNegrita.
Agardamos a vosa colaboración, animádevos a participar!




18/5/10

Nova revista de libros


Noticia: aparece no mercado virtual unha nova revista de libros, escrita por xente moi nova para lectores novos, coma eles.
Está destinada a libros da chamada "literatura xuvenil" e céntrase nos libros que non mandamos ler no Instituto: fantasía, vampiros, amoríos...
Déixovos o enlace:revista7letras.blogspot.com

9/5/10

Club de lectura: Haruki Murakami



A próxima lectura que faremos no club viaxa a Xapón.
Si, Haruki Murakami publicou After Dark despois do grande éxito de Tokio blues (tamén a podes atopar na biblioteca). É unha historia estrana, como todas as deste autor, desasosegante e misteriosa...
Hai un bar, un "hotel por horas", música de jazz, e unha xove solitaria que esconde algún secreto..., e que non pode voltar a casa ata que saia o primeiro tren, dende a medianoite fica nun bar deixando pasar as horas e vagar os pensamentos.
Animádevos a ler After Dark /Tras do solpor nas traducións ao galego ou ao castelán que atoparedes na biblioteca.
Xuntámonos despois do 20 de maio.
Lembrade que xa falamos desta novela cando foi publicada, está na entrada do 14 de xaneiro de 2009 (hai que baixar un pouco no blog)

28/4/10

Libros

"El libro es como la rueda.
Una vez inventado, no se puede hacer nada mejor"

Umberto Eco

12/4/10

Intercambio con Polonia


Hoxe damos a benvida aos alumnos e profesores do Miguel de Cervantes de Varsovia. Como cada curso, e van... o IES María Casares realiza un intercambio co instituto polaco.Unha semana antes das vacacións os nosos alumnos foron a Polonia acompañados das profesoras Marisa Ron e Pepa Vilariño. Visitaron Varsovia e Cracovia. Agora son os nosos "correspondentes" os que nos devolven a visita.
O luns, foron ao Concello, á Biblioteca Rialeda e á Fábrica. O mércores coñeceron o Camiño de Santiago e a cidade. O xoves visitaron a cidade de A Coruña e, desafortunadamente, o venres marcharon xa de volta a casa despois dunha soada festa de despedida.
A chegada dos nosos compañeiros estivo marcada polo accidente aéreo do que xa todos tivestes noticia, por iso o luns, ás 10:10, saímos todos ao xardín para gardar un minuto de silencio como homenaxe ás víctimas e para amosar a nosa solidaridade co pobo polaco.
Neste "Ano Chopin" http://es.wikipedia.org/wiki/Frédéric_Chopin
paga a pena ler e escoitar a vida e a obra do músico polaco-francés.

14/3/10

Palabras


Seguen aparecendo palabras na Biblioteca...
Agora teñen un aspecto case de anónimo de película de misterio.
Mais encerran un poema ou algo parecido.
Que terá que ver co que hai escrito enriba da porta?
Haberá que esperar...

Din o que segue:
No bicarelo
do bico
do brelo
canta o paxariño,
no mesmiño bicarelo
do bico do brelo.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...