5/10/10









Entérome por un dos meus blogues de cabeceira, Lecturalia, de que a Fundación Germán Sánchez Ruipérez acaba de estrear un novo proxecto para o fomento da lectura. Chámase Lectura Lab e ten como protagonistas a literatura infantil e xuvenil e as novas tecnoloxías. Dou unha volta polo sitio e enrédome máis do que tiña pensado porque a páxina é completísima: noticias, consellos, recursos dixitais, publicacións... Destaco un "tip" da sección "Consejos", o titulado "Para conseguir que los niños odien la lectura". Botádelle unha ollada e se cadra atopades algún reproche que facernos a pais, nais ou profesor@s. Xa nos diredes.

A imaxe está sacada de Lecturalia.

Ler (en voz alta) e gañar


A Consellería de Educación convoca un concurso de lectura en voz alta que titula "Ler e escoitar". Nel poderán participar os alumnos e alumnas do terceiro ciclo de primaria e primeiro ciclo de ensino secundario. Así que á xente de 1º e 2º de ESO do María Casares con todo o meu respecto lle digo que vaia "facendo gárgaras" (as de mel con limón disque son moi boas para aclarar a voz) e ensaiando cara ao espello porque imos concursar, claro que si. E como me parece que é ben empezar sabendo cales son os criterios que vai ter en conta o xurado para outorgar os premios, permítome copialos a continuación para todos vós. Aquí os tendes:

articulación, fluidez, ritmo, expresividade, volume, dominio da linguaxe verbal, e tamén da linguaxe corporal á hora de ler os textos

Para máis detalle, lede, se vos prace, o texto completo da convocatoria.
A imaxe do cartel procede da páxina das Bibliotecas escolares de Galicia

30/9/10

Pasarela de outono

Imos converter este blogue nun desfile de libros. ¿Coñecedes eses sitios web onde algunhas “celebrities” nos mostran os modeliños de roupa que se van poñer tal ou cal día?. Se vos gustan a súas propostas, podedes enfundarvos algo semellante, unha versión barata do seu "atuendo" axustada ao presuposto de cada un, e se non, a outra cousa. Pois nós imos facer algo parecido cos libros: sacarémolos dos estantes e traerémolos a desfilar no noso blogue para que vos sirvan de inspiración lectora, para que vexades qué vos podedes poñer, claro está, a ler. Se vos pracen os libros suxeridos, na biblioteca estaremos gustos@s de deixárvolos. E se non vos gustan, dicímosvos o mesmo que Groucho Marx a propósito dos seu principios: "temos outros" .
Ademais, invitámosvos a que nos contedes as vosas experiencias como lector@s para que así o blogue se converta na pasarela literaria de tod@s. Algo así veñen facendo dende hai tempo no magnífico blogue da biblioteca do IES As Mariñas de Betanzos, sempre unha fonte de inspiración para nós.

Como mostra do que vos acabo de contar imos inaugurar a nosa pasarela outono- inverno cos libros “obrigatorios”, os básicos poderíamos dicir, aqueles que as vosas profesoras de lingua (profesor nalgúns casos, pero poucos) vos terán sinalado xa. Lembrade que a biblioteca ofrécevolos todos eles.


26/9/10

De volta

A xente que formamos o equipo da biblioteca queremos dar a benvida a todos os alumnos e alumnas que vos acabades de incorporar ás clases, especialmente aos de primeiro de ESO que arribades este ano ao noso centro. Sede tod@s benvid@s.


Tomade nota de que a biblioteca está xa á vosa disposición durante todo o horario lectivo. As portas están abertas e os estantes cheíños de libros. Témolos para todos os gustos: de aventuras, amor, viaxes, intriga e o que se vos ocorra. Pasade, remexede e pedide, que nós estamos desexando prestar. Por certo, como en cursos anteriores, se non atopades o que queredes, decídenolo, que veremos de mercalo.


E para rematar, rogámosvos aos que levastes libros da biblioteca para ler no verán que os devolvades canto antes para que sigan rodando. Se vos quedou algún por rematar, pedide prórroga. En ningún caso permitades que os vosos libros, propios ou prestados, esmorezan esquecidos nun estante ou servíndolle de pata ao sofá estartelado, que non se convertan en disappointed como o do vídeo que vos deixo aquí e que vos invito a ver se tendes dous minutiños libres. Eu atopeino en Bibliorios, un blogue como a copa dun pino.

27/6/10

Un verán cheo de libros

Vémonos en setembro

Unha boa idea para marchar de vacacións, é un video-clip grabado en EEUU que invita á lectura.
Son dous meses de lecer, de praia, de estudar si toca examinarse en setembro e de ler.
Pois iso, good books to read!
Vémonos en setembro!

20/5/10

Uxío en palabras




Levamos tempo lendo os poemas, os versos , as palabras, e tamén escoitando falar de Uxío Novoneyra... Agora é a vosa quenda. Comeza un concurso literario e artístico: o vello Caderno de Poesía que coñecedes doutros cursos vaise encher coas palabras de Uxío (as que foron aparecendo espalladas polas paredes, nos corredores, polos cristais e pola biblioteca) e as vosas interpretacións.
Tedes as fotos en slide e as instrucións nas aulasNegrita.
Agardamos a vosa colaboración, animádevos a participar!




18/5/10

Nova revista de libros


Noticia: aparece no mercado virtual unha nova revista de libros, escrita por xente moi nova para lectores novos, coma eles.
Está destinada a libros da chamada "literatura xuvenil" e céntrase nos libros que non mandamos ler no Instituto: fantasía, vampiros, amoríos...
Déixovos o enlace:revista7letras.blogspot.com

9/5/10

Club de lectura: Haruki Murakami



A próxima lectura que faremos no club viaxa a Xapón.
Si, Haruki Murakami publicou After Dark despois do grande éxito de Tokio blues (tamén a podes atopar na biblioteca). É unha historia estrana, como todas as deste autor, desasosegante e misteriosa...
Hai un bar, un "hotel por horas", música de jazz, e unha xove solitaria que esconde algún secreto..., e que non pode voltar a casa ata que saia o primeiro tren, dende a medianoite fica nun bar deixando pasar as horas e vagar os pensamentos.
Animádevos a ler After Dark /Tras do solpor nas traducións ao galego ou ao castelán que atoparedes na biblioteca.
Xuntámonos despois do 20 de maio.
Lembrade que xa falamos desta novela cando foi publicada, está na entrada do 14 de xaneiro de 2009 (hai que baixar un pouco no blog)
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...