12/10/10

Pregúntalle á biblioteca

Hónranos presentar neste blogue un vídeo escrito, producido e dirixido por Rachel Harrington, que mostra a biblioteca como un refuxio, un espacio ao que acoden aquelas persoas co corazón roto, ou polo menos magullado. Gañou unha mención de honor no concurso Library Advocacy Day que convoca a Asociación Americana de Bibliotecas. Teño que dicir que os dous vídeos que quedaron no primeiro e segundo lugar non son nin de lonxe tan conmovedores e tenros como este. Podedes xulgar pos vós mesm@s premendo no primeiro link deste parágrafo.

Contemplando este vídeo lembreime dunha cita do escritor Arturo Pérez Reverte aparecida xa hai moitos anos na revista Leer a propósito do carácter case terapéutico da lectura e, como penso que vén que nin pintada para este vídeo, aquí vola deixo :

Creo que fue Stendhal quien afirmó: “no hay desgracia en el mundo, por grande que sea, que un libro no ayude a soportar”. Y es cierto. En los peores momentos de mi vida, cuando afuera rugía la tempestad y era tan brutal la realidad que evadirse resultaba imprescindible para sobrevivir, recogerme media hora en un rincón a la luz de una vela para pasar las páginas de un libro fue, siempre, una puerta abierta a los grandes cazaderos, a las praderas tranquilas y mansas del reposo y del olvido


O blogue das bibliotecas municipais de Oleiros












Xa o dicía o insigne Julio Camba: "hai anos en que non está un para nada". E algo así me debeu de pasar a min nos últimos doce meses. Resulta que as bibliotecas municipais de Oleiros inauguraron un blogue por todo o alto no mes de abril do ano pasado e eu, que surfeo por Intenet día si día non buscando novidades que sigan alimentado o noso amor polos libros, non me entero ata hai dous días. Chámase bibloleiros e ten un interese inmediato para todos nós, tanto é así que vou poñer un link permanente neste noso humilde blogue nada máis remate de redactar este post. Desde bibloleiros podedes descargar os impresos para solicitar o carné de usuario, participar en divertidas enquisas e estar ao día en canto as actividades (abundantes, por certo) que se celebran nas distintas bibliotecas municipais. Que foi o que máis me gustou a min? Sen ningunha dúbida, o conto "A lúa e a fraga", elaborado polos nenos e nenas da galescola "As Galeras".

8/10/10

Cidadanía europea paso a paso


No momento de redactar este post un grupo de profesoras e alumnas do noso instituto estará aterrando en Giresun, alá na lonxana Turquía. Viaxan para pagarlles unha visita aos compañeiros turcos que participan con elas nun proxecto Comenius titulado "Cidadanía europea paso a paso". Andan tamén implicados nese mesmo proxecto outros dos centros, un en Toulon (Francia) e outro en Nápoles (Italia). Desexámoslle a todas elas unha feliz estancia en terras turcas. E como mostra do seu traballo quédavos aquí o link ao blog 4comenius que manteñen os catro centros e un precioso cómic elaborado por Sara Vázquez.


7/10/10

Mario Vargas Llosa, premio Nobel de Literatura 2010


Acaba de saír a noticia: o escritor peruano Mario Vargas Llosa é o gañador do Premio Nobel de Literatura do ano 2010. Consulta o noso catálogo: temos unha morea de libros deste escritor. Unha recomendación se te consideras un lector ou lectora esixente: La fiesta del chivo, quizá a súa mellor obra. Máis nun próximo post.


A noticia no xornal El País.

5/10/10









Entérome por un dos meus blogues de cabeceira, Lecturalia, de que a Fundación Germán Sánchez Ruipérez acaba de estrear un novo proxecto para o fomento da lectura. Chámase Lectura Lab e ten como protagonistas a literatura infantil e xuvenil e as novas tecnoloxías. Dou unha volta polo sitio e enrédome máis do que tiña pensado porque a páxina é completísima: noticias, consellos, recursos dixitais, publicacións... Destaco un "tip" da sección "Consejos", o titulado "Para conseguir que los niños odien la lectura". Botádelle unha ollada e se cadra atopades algún reproche que facernos a pais, nais ou profesor@s. Xa nos diredes.

A imaxe está sacada de Lecturalia.

Ler (en voz alta) e gañar


A Consellería de Educación convoca un concurso de lectura en voz alta que titula "Ler e escoitar". Nel poderán participar os alumnos e alumnas do terceiro ciclo de primaria e primeiro ciclo de ensino secundario. Así que á xente de 1º e 2º de ESO do María Casares con todo o meu respecto lle digo que vaia "facendo gárgaras" (as de mel con limón disque son moi boas para aclarar a voz) e ensaiando cara ao espello porque imos concursar, claro que si. E como me parece que é ben empezar sabendo cales son os criterios que vai ter en conta o xurado para outorgar os premios, permítome copialos a continuación para todos vós. Aquí os tendes:

articulación, fluidez, ritmo, expresividade, volume, dominio da linguaxe verbal, e tamén da linguaxe corporal á hora de ler os textos

Para máis detalle, lede, se vos prace, o texto completo da convocatoria.
A imaxe do cartel procede da páxina das Bibliotecas escolares de Galicia

30/9/10

Pasarela de outono

Imos converter este blogue nun desfile de libros. ¿Coñecedes eses sitios web onde algunhas “celebrities” nos mostran os modeliños de roupa que se van poñer tal ou cal día?. Se vos gustan a súas propostas, podedes enfundarvos algo semellante, unha versión barata do seu "atuendo" axustada ao presuposto de cada un, e se non, a outra cousa. Pois nós imos facer algo parecido cos libros: sacarémolos dos estantes e traerémolos a desfilar no noso blogue para que vos sirvan de inspiración lectora, para que vexades qué vos podedes poñer, claro está, a ler. Se vos pracen os libros suxeridos, na biblioteca estaremos gustos@s de deixárvolos. E se non vos gustan, dicímosvos o mesmo que Groucho Marx a propósito dos seu principios: "temos outros" .
Ademais, invitámosvos a que nos contedes as vosas experiencias como lector@s para que así o blogue se converta na pasarela literaria de tod@s. Algo así veñen facendo dende hai tempo no magnífico blogue da biblioteca do IES As Mariñas de Betanzos, sempre unha fonte de inspiración para nós.

Como mostra do que vos acabo de contar imos inaugurar a nosa pasarela outono- inverno cos libros “obrigatorios”, os básicos poderíamos dicir, aqueles que as vosas profesoras de lingua (profesor nalgúns casos, pero poucos) vos terán sinalado xa. Lembrade que a biblioteca ofrécevolos todos eles.


26/9/10

De volta

A xente que formamos o equipo da biblioteca queremos dar a benvida a todos os alumnos e alumnas que vos acabades de incorporar ás clases, especialmente aos de primeiro de ESO que arribades este ano ao noso centro. Sede tod@s benvid@s.


Tomade nota de que a biblioteca está xa á vosa disposición durante todo o horario lectivo. As portas están abertas e os estantes cheíños de libros. Témolos para todos os gustos: de aventuras, amor, viaxes, intriga e o que se vos ocorra. Pasade, remexede e pedide, que nós estamos desexando prestar. Por certo, como en cursos anteriores, se non atopades o que queredes, decídenolo, que veremos de mercalo.


E para rematar, rogámosvos aos que levastes libros da biblioteca para ler no verán que os devolvades canto antes para que sigan rodando. Se vos quedou algún por rematar, pedide prórroga. En ningún caso permitades que os vosos libros, propios ou prestados, esmorezan esquecidos nun estante ou servíndolle de pata ao sofá estartelado, que non se convertan en disappointed como o do vídeo que vos deixo aquí e que vos invito a ver se tendes dous minutiños libres. Eu atopeino en Bibliorios, un blogue como a copa dun pino.

27/6/10

Un verán cheo de libros

Vémonos en setembro

Unha boa idea para marchar de vacacións, é un video-clip grabado en EEUU que invita á lectura.
Son dous meses de lecer, de praia, de estudar si toca examinarse en setembro e de ler.
Pois iso, good books to read!
Vémonos en setembro!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...