4/10/11

De xente nova e non tan nova


 Lin con certo detemento  a publicación Los mayores y la enfermedad de alzheimer, da que vos falei hai uns días. Pareceume moi emotivo o prólogo de Albert Solé, periodista e fillo de Jordi Solé Tura, un dos relatores da Constitución e antigo ministro de Cultura. Moitos de vós seguramente non  coñecedes a este personaxe, que morreu no ano 2009, pero os que xa podiamos votar nos anos oitenta lembrámolo perfectamente en plenas facultades mentais e lembramos asimesmo como nos conmoveu no seu momento a noticia de que o alzheimer estaba desbaratando unha cabeza ata aquela tan ben montada.

Ademais deste prólogo de Albert Solé, na publicación aparece outro de X e a continuación unha relación bibliográfica de obras literarias infantís e xuvenís que tocan o tema das relacións entre a xente vella e a moza. Repasei esta relación fixándome sobre todo nos títulos que se recomendan para maiores de 12 anos. E logo boteille unha  ollada ao catálogo da nosa biblioteca  para comprobar qué temos de todo iso e qué nos falta. E non temos moito, iso é certo, aínda que si outros títulos que non recolle a publicación (por exemplo La paloma y el degollado, de Fina Casalderrey, que plasma unha relación tan tenra e afectuosa entre un neto e o seu avó).  De calquera xeito, dispoñemos dun pequeno presuposto que nos permitirá encher algúns ocos. De momento, co que atopei, refírome a títulos que se recomendan en Los mayores y la enfermedad de alzheimer e que están á vosa disposición na biblioteca, preparei  unha pequena presentación para que vos sirva  de consulta rápida e a ser posible de acicate para a lectura. Son todos títulos, digamos, solventes: de categoría supra e probada amenidade.




3/10/11

Abel García publica "Dis-continuo"

Propiedade da foto: La Voz de Galicia
"Vendedor de poemas", "vate callejero", deste xeito se refería La Voz de Galicia,  nun artigo publicado a finais do pasado mes de marzo, a Abel García, antigo alumno do noso instituto e apaixonado poeta. Soubemos xa hai tempo (porque nolo dixo Cristina García, a súa irmá) que andaba Abel ocupado na composición dun libro de poemas xunto con  outros setes mozos e mozas, devotos  todos eles  da musa Calíope. Pois ben, acaba de saír á luz o produto da inspiración colectiva deste animoso grupo de xente nova que La Voz de Galicia etiquetaba como "la generación del Café Hispano". Trátase dun libro de poemas titulado Dis-continuo, que, de momento, só se vende na librería Arenas. Se tes 15€ e che gusta a poesía, podes acercarte por alí e mercalo. E, se andas máis escas@ de euros que de gañas de ler, agarda a que  traiamos o libro á biblioteca, que será pronto.

Nesta noticia La Voz de Galicia xa apuntaba a pasión de Abel pola poesía:  El vendedor de poemas de la calle Real.

E nesta outra infórmasenos da aparición do libro de poemas e dos seus autores e autoras: La generación del Café Hispano.

27/9/11

O alzheimer na literatura infantil e xuvenil





O CRE Alzheimer ( Centro de Referencia Estatal de Atención a Personas con Enfermedad de Alzheimer y otras Demencias) e O Centro Internacional del  Libro Infantil y Juvenil, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, sacaron á luz hai pouco unha publicación que titulan "Los mayores y la enfermedad de Alzheimer en la literatura infantil y juvenil". Afirman que se trata de “un puente literario tendido entre los niños y los mayores, entre la infancia y la vejez”. Sendo así, teremos que ler con calma a tal publicación porque eu penso que tender esas pontes entre vellos e mozos é necesario e ata urxente. Vou descargar, logo, o pdf no meu ipad para lelo na casa con máis comodidade. Nun próximo post contareivos cales son as miñas primeiras impresións.

Por certo, o blogue das bibliotecas municipais de Oleiros, do que son seguidora e de onde saco a información que vos estou contando, comprácese en informarnos de que a Biblioteca Central de Rialeda colaborou na publicación antes mecionada cunha selección de títulos en galego. Vaia desde aquí, unha vez máis, a nosa felicitación ás bibliotecas municipais polo seu meritorio traballo. 

21/9/11

Pan e libros

Lin en Capítulo Cero un fragmento do discurso que Federico García Lorca pronunciou na inauguración da biblioteca de Fuente Vaqueros, o  seu pobo, alá polo xa lonxano ano de 1931. Di García Lorca:

Federico García Lorca aos dezaseis anos
No sólo de pan vive el hombre. Yo, si tuviera hambre y estuviera desvalido en la calle no pediría un pan; sino que pediría medio pan y un libro. Y yo ataco desde aquí violentamente a los que solamente hablan de reivindicaciones económicas sin nombrar jamás las reivindicaciones culturales que es lo que los pueblos piden a gritos. Bien está que todos los hombres coman, pero que todos los hombres sepan. Que gocen todos los frutos del espíritu humano porque lo contrario es convertirlos en máquinas al servicio de Estado, es convertirlos en esclavos de una terrible organización social.
Yo tengo mucha más lástima de un hombre que quiere saber y no puede, que de un hambriento. Porque un hambriento puede calmar su hambre fácilmente con un pedazo de pan o con unas frutas, pero un hombre que tiene ansia de saber y no tiene medios, sufre una terrible agonía porque son libros, libros, muchos libros los que necesita y ¿dónde están esos libros?
 Impresionante, non si?

Imaxe: Wikipedia

20/9/11

Noraboa, Fernando

A imaxe procede do blogue da editorial Galaxia
A isto chámaselle empezar con bo pé. Resulta que moi pouquiño despois de arribar ao instituto e a punto de iniciar iso que podiamos chamar topicamente "unha nova singradura" enterámonos de que a Fundación Repsol lle concedeu a Fernando Díaz-Castroverde (para nós Fernando, o profe de galego) o  Premio Repsol de Narrativa Breve en Lingua Galega polo seu libro Microbios e outros paquidermos. Di Fina Casalderrey, voceira do xurado, que a obra de Fernando é das que fan pensar. Esas precisamente son as nosas favoritas. Así que estade atentos: en canto a editorial Galaxia publique Microbios e outros paquidermos, que, segundo me indica Fernando será para primeiros de novembro, mercaremos uns cantos exemplares para a biblioteca e xa o poderedes levar en préstamo. De momento déixovos uns links para que ampliades esta información, se vos prace.

El País: Repsol otorga su premio literario a Díaz Castroverde 
Entrevista a Fernando publicada en La Voz de Galicia

21/6/11

Que ler este verán (II)

Na biblioteca xuntamos un feixe pequeno de títulos recomendados por lectores e lectoras de todas as idades e tendencias e démoslle forma de folleto. Aínda que só ten dúas páxinas, paréceme que contén variedade abonda para satisfacer distintos gustos lectores. Pero, por se me engano (procuro non descartar nunca esta posibilidade),  vou incluírvos neste post algúns links que vos poden servir de inspiración extra se aínda non sabedes que ler nestes próximos e marabillosos meses de vacacións.

Primeiro un link de links que vos levará aos blogues das bibliotecas escolares de Galicia. Por estas datas comezan a publicar interesantes guías de lectura estivais.

Lecturas refrescantes: nada menos que 308 suxestións de libros, cds e dvds ao alcance da vosa man, xa que se trata da xenerosa proposta que poñen en marcha para este verán as bibliotecas municipais de Oleiros.

Xa dentro da nosa casa común, pásovos as propostas que publica Marisa, a profesora de galego, no seu blogue Enredando coas palabras. Co seu permiso, e unha vez que me poña diante dun ordenador máis preparado para a multitarea que este do que agora mesmo dispoño, publicarei neste blogue o contido do glog de Marisa.

E a continuación, a nosa proposta. Para vela en pantalla completa, premede "ver en pantalla completa", onde se non.

16/6/11

Ler ten premio

Lendo pasámolo ben e non precisamos ningún  outro premio adicional. Estamos de acordo. Así e todo, na biblioteca pareceunos que procedía outorgarlles un pequeno premio, un "detalle", a todos os que participaron no club de lectura. Así que lles regalamos un sinxelo caderniño de follas en branco coa esperanza de que o empreguen para se adestrar como escritores,  porque xa sabedes que da lectura á escritura non hai máis que un paso e canto antes se dea, mellor.
Por outra banda, e xa postos, quixemos explorar as posibilidades de Glogster, ferramenta coa que non traballaramos antes, e elaboramos uns cantos glogs sobre o tema do libro lido. E aquí volveunos a saír a vena premiadora e convocamos un concursiño para elixir aquel cartel que nos parecera máis logrado. E o premio foi para  María Díaz, de 1º D,  polo especial  coidado e  empeño  que puxo na elaboración do seu glog. Reprodúzovos a continuación o glog premiado, unha foto da entrega (nada solemne) do premio a María e unha foto dos integrantes do club de lectura



entrega premio

club de lectura 1

Que ler este verán

Estes días ides atopar polo instituto uns cantos carteis coma este que hoxe reproduzo aquí. Confeccionámolos con paciencia e suxestións de alumn@s e profesor@s. Hai unha certa variedade, como poderedes comprobar: novela romántica, de aventuras, ciencia ficción, e ata o Súper Mortadelo e Filemón de toda a vida. Así e todo, se non vos convencen os títulos que expoñemos, don't worry: na biblioteca temos moitos, moitos máis.

libros verano a4

14/6/11

Repetimos post

Cando un traballo sae mal, non queda outra máis que repetilo amodo e poñéndolle sentidiño. E a min saíume mal o anterior post; confiei demasiado en Blogger e na súa capacidade de subir e publicar vídeos. Puiden comprobar que era ben limitada. Observariades que a versión do vídeo de Lois Pereiro que coloquei no post inmediatamente anterior a este é bastante cutre e deixa deslucido o valioso traballo do Departamento de Galego. Así que fun rezarlle a outro santo, San Youtube, que é moi avogoso para iso dos vídeos, e alí deixei unha versión máis potente do vídeo. Incrústoa aquí  para que poidades gozar dunha contemplación de moita máis calidade, moito máis acorde cos merecementos do clip.


9/6/11

Sempre Lois

Outra xoia que nos regalan Marisa, do  Departamento de Galego,  Manuel Álvarez e un grupo de quince rapaces e rapazas de distintos niveis. Trátase esta vez dun vídeo sobre a figura de Lois Pereiro: momentos destacados da súa vida e unha pequena antoloxía da súa obra poética. Todo iso cunha música e unhas imaxes de fondo que invitan á nostalxia. Un traballo sobresaliente.












Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...