25/10/13

"Catálogo oneroso de beleza gratuíta", de Fran Bueno, gaña o Premio Castelao de Banda Deseñada





Que Fran Bueno gañou o Premio Castelao de Banda Deseñada non é precisamente unha "primicia", pero xa sabedes que temos importantes limitacións de tempo no mantemento deste blog e por esa razón podemos tardar, ou incluso obviar, importantes novas que farían desta nosa humildísma bitácora un sitio un chisquiño máis atractivo e "ao día". Nós lemos isto hai xa uns días en Rede Lectura , a onde vos remitivos para ampliar información sobre Fran Bueno e a súa obra. E para que non vos perdades en rodeos, aquí tendes o link que vos levará dereitiños como fusos á nova que vos comentamos: Premio Castelao de Banda Deseñada.

23/10/13

Convócase o XV Premio "Gloria Fuertes" de Poesía Joven



 
Procedencia da imaxe


 Consultade no seguinte enlace as bases do concurso XV PREMIO "GLORIA FUERTES" 
DE POESÍA JOVEN (2014). E lembrade que na biblioteca estamos dispostas a vos botar unha man se en algún momento desconfiades do dictado das vosas musas particulares.


Vía: Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes

21/10/13

Inspírate e concursa





A Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade da Coruña comunicounos vía correo de toda a vida que teñen convocado un certame de relato curto e poesía no que pode participar alumnado de 4º da ESO e de 1º e 2º de bacharelato. Entregarán 5 premios para relatos curtos e outros 5 para poesía. O prazo de presentación de traballos remata o 6 de novembro de 2013. Os premios son os seguintes:

1º premio: 200 €

2º premio: 125 €

3º premio: 50 € (3 premios)

Bases

Calendario de reunións do club de lectura


18/10/13

Pipas, de Manuela Moreno

Susana, do CEIP Filomena Dato, mándanos nova deste simpatíquisimo vídeo da directora e guionista Manuela Moreno. Titúlase "Pipas", seguramente polas pipas que comen arreo as dúas protagonistas, e se cadra por algo máis que non anticipo porque non me acusedes de spoiler. O caso é que o tal vídeo xa tivo uns cantos premios e "nominacións", como corresponde a calquera metraxe, curta ou longa, que se precie. Dámoslle as grazas a Susana por esta magnífica suxestión que nos fixo pasar un divertidos tres minutos.


O día 25 de outubro o club de lectura vai de festa




14/10/13

Rialeda dedícalle unha exposición a Manuel Álvarez Torneiro

 
Procedencia da imaxe

 

Xa sabedes (puxemos carteliños polos corredores e na porta da biblioteca) que ao poeta coruñés Manuel Álvarez Torneiro o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte concedeulle hai uns días o Premio Nacional de Poesía 2013 pola súa obra "Os ángulos da brasa". Pois ben, o blog das bibliotecas municipais de Oleiros dedícalle un post a este autor, onde vos invitan a visitar unha exposición bibliográfica sobre a súa obra, instalada no espazo "Poesía ten o seu punto: exposición permanente de versos" no vestíbulo da Biblioteca Central Rialeda. Ademais o post contén interesantes links  que nos permiten afondar máis no coñecemento da obra e personalidade deste xa destacado poeta. Invítovos logo, eu tamén, a visitar a exposición e a ler no seguinte link o post do que vos acabo de falar:
Manuel Álvarez Torneiro, Premio Nacional de Poesía 2013: "Escribo contra o mundo e a favor da Vida. Como poeta, creo na utopía"

13/10/13

Habemus librum!

A participación na enquisa non foi o que se di masiva, pero abonda para mostrar por onde van os tiros. E os tiros apuntan nun oitenta por cento a La ciudad de las bestias, de Isabel Allende. Así que poñemos desde xa a funcionar os nosos contactos (léase "bibliotecas municipais de Oleiros") para conseguir os 15 exemplares que precisamos. Mentres non cheguen, imos enredar un pouco con este simpático vídeo que publicita unha suposta versión cinematográfica da famosa obra de Isabel Allende.



E para os e as impacientes, voici o primeiro capítulo de La ciudad de las bestias.

3/10/13

Vota e le

Atención clubistas lectores do María Casares: tendes cinco días de nada para votar polo libro con que queredes arrancar co club de lectura deste ano. Observade á dereita deste post as dúas enquisas que coloquei para cada un dos dous niveis que conforman o noso ilustre club, investigade os títulos, pensade un pouquiño cal vos gusta máis (pero non moito, que o tempo pasa pronto e teño que xuntar os exemplares que precisamos) e votade. O libro máis votado, nin que dicir ten, será a nosa primeira lectura deste curso que espero nos traia outras moitas e moi satisfactorias. E agora, veña, a votar. 

Procedencia da imaxe

27/9/13

CLUB DE LECTURA


AVISO IMPORTANTE


TODOS OS ALUMNOS E ALUMNAS QUE FORMASTES PARTE DO CLUB DE LECTURA NO CURSO 2012-2013, SE O TENDES A BEN, ACUDIDE A UNHA REUNIÓN O LUNS DÍA 30 DE SETEMBRO ÁS 10:00 NA AULA LC1.

ORDE DO DÍA: NOVO CLUB DE LECTURA PARA O CURSO 2013-2014.


Convoca: María Xesús Varela Souto, responsable dos clubs de lectura.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...