21/6/11

Que ler este verán (II)

Na biblioteca xuntamos un feixe pequeno de títulos recomendados por lectores e lectoras de todas as idades e tendencias e démoslle forma de folleto. Aínda que só ten dúas páxinas, paréceme que contén variedade abonda para satisfacer distintos gustos lectores. Pero, por se me engano (procuro non descartar nunca esta posibilidade),  vou incluírvos neste post algúns links que vos poden servir de inspiración extra se aínda non sabedes que ler nestes próximos e marabillosos meses de vacacións.

Primeiro un link de links que vos levará aos blogues das bibliotecas escolares de Galicia. Por estas datas comezan a publicar interesantes guías de lectura estivais.

Lecturas refrescantes: nada menos que 308 suxestións de libros, cds e dvds ao alcance da vosa man, xa que se trata da xenerosa proposta que poñen en marcha para este verán as bibliotecas municipais de Oleiros.

Xa dentro da nosa casa común, pásovos as propostas que publica Marisa, a profesora de galego, no seu blogue Enredando coas palabras. Co seu permiso, e unha vez que me poña diante dun ordenador máis preparado para a multitarea que este do que agora mesmo dispoño, publicarei neste blogue o contido do glog de Marisa.

E a continuación, a nosa proposta. Para vela en pantalla completa, premede "ver en pantalla completa", onde se non.

16/6/11

Ler ten premio

Lendo pasámolo ben e non precisamos ningún  outro premio adicional. Estamos de acordo. Así e todo, na biblioteca pareceunos que procedía outorgarlles un pequeno premio, un "detalle", a todos os que participaron no club de lectura. Así que lles regalamos un sinxelo caderniño de follas en branco coa esperanza de que o empreguen para se adestrar como escritores,  porque xa sabedes que da lectura á escritura non hai máis que un paso e canto antes se dea, mellor.
Por outra banda, e xa postos, quixemos explorar as posibilidades de Glogster, ferramenta coa que non traballaramos antes, e elaboramos uns cantos glogs sobre o tema do libro lido. E aquí volveunos a saír a vena premiadora e convocamos un concursiño para elixir aquel cartel que nos parecera máis logrado. E o premio foi para  María Díaz, de 1º D,  polo especial  coidado e  empeño  que puxo na elaboración do seu glog. Reprodúzovos a continuación o glog premiado, unha foto da entrega (nada solemne) do premio a María e unha foto dos integrantes do club de lectura



entrega premio

club de lectura 1

Que ler este verán

Estes días ides atopar polo instituto uns cantos carteis coma este que hoxe reproduzo aquí. Confeccionámolos con paciencia e suxestións de alumn@s e profesor@s. Hai unha certa variedade, como poderedes comprobar: novela romántica, de aventuras, ciencia ficción, e ata o Súper Mortadelo e Filemón de toda a vida. Así e todo, se non vos convencen os títulos que expoñemos, don't worry: na biblioteca temos moitos, moitos máis.

libros verano a4

14/6/11

Repetimos post

Cando un traballo sae mal, non queda outra máis que repetilo amodo e poñéndolle sentidiño. E a min saíume mal o anterior post; confiei demasiado en Blogger e na súa capacidade de subir e publicar vídeos. Puiden comprobar que era ben limitada. Observariades que a versión do vídeo de Lois Pereiro que coloquei no post inmediatamente anterior a este é bastante cutre e deixa deslucido o valioso traballo do Departamento de Galego. Así que fun rezarlle a outro santo, San Youtube, que é moi avogoso para iso dos vídeos, e alí deixei unha versión máis potente do vídeo. Incrústoa aquí  para que poidades gozar dunha contemplación de moita máis calidade, moito máis acorde cos merecementos do clip.


9/6/11

Sempre Lois

Outra xoia que nos regalan Marisa, do  Departamento de Galego,  Manuel Álvarez e un grupo de quince rapaces e rapazas de distintos niveis. Trátase esta vez dun vídeo sobre a figura de Lois Pereiro: momentos destacados da súa vida e unha pequena antoloxía da súa obra poética. Todo iso cunha música e unhas imaxes de fondo que invitan á nostalxia. Un traballo sobresaliente.












31/5/11

Los libros son como los amigos, no siempre es el mejor el que más nos gusta
Jacinto Benavente

Sara Rodríguez recomenda "Canciones para Paula"

Procedencia da imaxe

 Sara Rodríguez, alumna de primeiro de ESO felizmente aqueixada dunha insaciable afección a ler e a escribir, prégame que vos transmita a súa recomendación por un libro que leu recentemente e que lle encantou. Ao igual que Antón, do cal víamos hai pouco a reseña de Eragon, Sara publicou o seu comentario no blogue La caracola. De alí a saco eu e aquí volo deixo. E remato anunciándovos que próximamente daremoslle cabida aos comentarios entusiastas de Alba, outra alumna de 1º de ESO, fan entusiasta (valga a redundancia) do xenial Terry Prachett.

Esta novela gustoume moito.  Paula, a protagonista da historia, é a protagonista dun triángulo amoroso:
Vai coñecer ao seu cibermozo, Anxo, en persoa. Chega a primeira ao lugar da cita e, como el tarda moito, entra nunha cafetaría próxima, onde coñece a Álex, un novo escritor e saxofonista que está lendo o mesmo libro que ela ao mesmo tempo que escribe outro. Álex ten que marchar da cafetaría rapidamente para ir á clase.

Inés, a medio irmán de Álex, vaise a vivir con el e tenta conquistalo, xa que non son do mesmo sangue. Pero o que Inés non sabe é que Álex está perdidamente namorado de Paula.

Diana, amiga de Paula, namórase de Mario, irmán de Miriam, a súa mellor amiga, e amigo da infancia de Paula. O que Diana descoñece é que Mario está locamente namorado de Paula.

Katia, unha exitosa cantante, é entrevistada por Anxo e namórase locamente del e tenta conquistalo, pero el dille unha e outra vez que non a quere, que el ama a Paula. Aínda así, Anxo sente algo por Katia.

Paula, pola súa banda, está a saír con Ángely no único que se centra é nel, no exame de Matemáticas do xoves e no sábado, xa que ese día cumprirá 17 anos e, polo visto, perderá a virxinidade con Anxo.

Se queres saber máis sobre os personaxes ou a historia, visita a web oficial de Canciones para Paula.

27/5/11

Un glog para ler

Pedinlle prestado a Marisa, a profesora de lingua galega,  o glog tan bonito que vedes neste post e que levaba algún tempo publicado no seu blogue Enredando coas palabras. Tivo a amabilidade de mo prestar e aquí volo deixo para que o vexades: loce moito e ademais contén recomendacións de lectura moi proveitosas. Certo é que estas recomendacións están pensadas ex profeso para xente de 1º de ESO, pero na biblioteca non vos  imos pedir o carné (polo menos non o de identidade) se queredes levar calquera libro dos que aquí  temos. E copio tamén, xa que me deixa Marisa, a presentación do seu glog. Reza tal que así:

O Señor dos Aneis, de Tolkien;  Cairo Branco, de Jack London;  A escura luz do Tíber, de Lola Gándara;  O príncipe da brétema, de Carlos Ruíz Zafón;  A volta ao mundo en 80 días, de Jules Verne; Carne de pedra, de Cornelia Funke... Libros clásicos e actuais para que poidas elixir.   Mira de que trata cada un e anímate a lelos. Están a agardarte na biblioteca. Pasarás momentos inesquecibles.

26/5/11

Puntadas solidarias para celebrar o 50 cumpreanos de AI

Autorretrato de Colo
Portada do  último número da   revista de A I

A organización Amnistía Internacional cumpre 50 anos, toda unha idade, aínda que neste caso podemos dicir con total propiedade que moi ben levada. Son 50 anos de loita continua polos dereitos humanos e a liberdade de conciencia en todo o mundo. Cincuenta anos merecen unha celebración de certo ringo rango e AI anda por estas datas ocupada en distintos actos conmemorativos, aínda que, hai que dicir, a pompa non é o seu estilo . A min interésame unha "celebración" en particular da que paso a falarvos. A modo de homenaxe, o ilustrador Colo confeccionou un fermosísimo cómic que recolle sucintamente os momentos clave da historia de AI. O que chama a atención do cómic é a laboriosa técnica empregada por Colo. Vou deixar que el mesmo vola expoña citando textualmente declaracións aparecidas en  Salamandragora,  o blogue do artista. Eu só os invito a que contempledes o cómic e vos fixedes na aparente sinxeleza e inxenuidade das imaxes e no efecto estético que conseguen. A min pareceume xenial.


Lo único que dibujé en todo el cómic son los ojillos y las bocas, el resto son hilos de colores cosidos al papel y cartones y papeles de colorines.

Me lo he pasado como un enano, vamos. (Jesús Colomina, Colo)
Podedes descargar a revista de forma gratuíta neste link ( o cómic aparece na páxina 15):     

Revista nº 108. Mayo- Junio de 2011

24/5/11

Antón Rodríguez recomenda a saga "El legado"

Antón, alumno de 1º da ESO, recomenda a lectura da saga "El legado". Se queredes ler o texto orixinal, publicado este curso no blogue La caracola, premede no seguinte link: Recomiendo la saga el legado. Aquí déixovos unha versión traducida por unha servidora, co permiso de Antón, por suposto.

Esta saga consta de catro libros: Eragon, Eldest, Brisingr e un cuarto que aínda non saíu.

Eragon ouvira falar dos Xinetes de Dragón, antigos gobernantes de Alagaësia, pero nunca se imaxinou que se convertería nun Xinete e que tería que loitar contra os homes de Galbatorix, malvado rei de Alagaësia, para acabar co seu reinado. Durante a historia coñece moitos e moi bos amigos, incluíndo a unha elfa, da que se namora.

É unha gran saga e o tres primeiros libros, que son os que  lin, gustáronme moito. Case me esquezo de dicirvos que tamén de fixo unha película do primeiro libro e, aínda que non a vin, sei que non recibiu moi boas críticas.
vía: La caracola
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...