19/3/13

Unha flor "explicada" é menos bonita?



Sodes dos que credes que a ciencia destrúe a beleza e o encanto da natureza? Se é así, sabede que contades con ilustres predecesores: o poeta John Keats (1775-1821), por exemplo, que no seu tempo  acusou a Isaac Newton de chafar a beleza do arco iris coa súa explicación científica das luces e cores que conforman este fermoso fenómeno óptico. Moito máis recente é a controversia entre o famoso Richard Feynman e un artista amigo seu acerca do mesmo tema, é dicir, de quen obtén un maior gozo da beleza, o artista ou o científico.  Feynman defendía, nunha entrevista que concedeu á BBC, a superioridade da, digamos,"sensibilidade científica", capaz de ir máis aló da aparencia e marabillarse coa complexidade e harmonía interior de cada obxecto. Dunha flor, por exemplo. Logo apareceu Fraser Davidson e compuxo un moi fermoso vídeo inspirado na resposta de Feynman. A Manuel Gago, o autor de Capítulo 0, blog de onde tomo esta información, o tal vídeo parécelle  unha xoia de visualización científica. A min tamén. Por iso o poño aquí.






Lede máis detalles sobre esta cuestión e a transcipción dun fragmento das declaracións de Richard Feynman no blog Capítulo 0.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...