9/10/15

Benvidos






Outono en Oleiros, volta á rutina das clases.
Este post vai para os novos alumnos de 1º de ESO que comezan unha nova etapa da súa vida. 
Chegar ao instituto é algo importante, fai que un se sinta maior... Cando entra no centro atopa algo caótico (xúrovos que non é o que parece, nuns días estaredes xa afeitos a este caos organizado), e descubre que non se pode sentir maior cando hai tanta xente por enriba de un..., ata hai alumnos que levan barba... 
Sodes moitos: uns 650 alumnos.
Tedes seis cursos por diante para convivir e atoparvos a gusto no IES María Casares.
Invítovos a vir á Biblioteca. (Algúns de vos atopáchedes ben pronto o sitio). Non é só un lugar onde ficar no recreo facendo os deberes...
Podes vir a escoitar música (con cascos); a ler cómics, revistas e xornais; a xogar ao axedrez; a coller libros, películas e cedés para levar a casa; a conectarte a internet se tes que informarte de algo ou facer un traballo...
Organizamos frecuentemente exposicións e concursos, só tes que estar atento aos taboleiros.
Da biblioteca parte tamén o Club de Lectura, unha oportunidade de xuntarte con xente que le para falar de libros e de experiencias.
Este curso vai haber dous, un para os de 4º e 1º de bacharelato e outro para os de 1º de ESO, ven a apuntarte no recreo.
Os titores van repartir estes días os novos carnés. Máis adiante iredes pasando pola biblioteca para aprender como funciona e sacarlle máis proveito.
 Polo de agora, collede o novo carné e vinde a facernos unha visita. Preguntade sempre o que queirades, pedide consello, pedide información ata do que non sabedes que queredes saber.
PD: Aceptamos suxestións, xa temos dúas peticións de alumnos de 1º. Grazas por colaborar!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...