11/12/15

Neira Vilas, in memoriam




procedencia da imaxe: Editorial Kalandraka
 


    O pasamento do escritor Xosé Neira Vilas tocounos moi de cerca.
    Foi o venres 27 de novembro. Tiña 87 anos.
   A súa foi unha vida longa e intensa.
   A súa labor como novelista, poeta e autor de relatos non pode valorarse sen ter en conta a admiración que sempre despertou entre todos á súa adicación aos galegos "no exterior". 
  Sempre estivo en contacto cos galegos da diáspora, cos exilados republicanos en América, en Buenos Aires, onde residiu dende 1949. Alí estudou Xornalismo e fundou unha editorial, "Follas Novas" (nome ben escollido), xunto coa súa dona, a escritora cubana Anisia Miranda.
   A iniciativa editorial serviu para dar a coñecer a literatura galega, e en galego, en América, mais tamén para surtir de libros na nosa lingua a todos os emigrantes que encheron as cidades americanas dende os anos 40 do pasado século XX. 
  Residiu en Cuba máis de 30 anos. Na capital, La Habana, Neira Vilas tería unha segunda vida editorial adicada á literatura infantil na cabeceira Zunzún.
  Naceu en Gres, no Val do Ulla en 1928, onde nacen as súas lembranzas, gardadas para sempre na xoia Memorias dun neno labrego, publicada en 1961.




   Este é o comezo da historia, Neira Vilas recolle a lingua da súa nenez, e mesmo parece pedirnos que fagamos a lectura en voz alta:
                             
                                "Eu son... Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. 
                           E ademáis, probe. Porque da aldea tamen é Manolito, e non hai quen 
                           lle tusa, a pesares do que lle aconteceu pola miña causa"

  A súa obra abrangue narrativa (Xente no rodicio, Querido Tomás), poesía, ensaio...
  Voltou a Galiza en 1992, e despois dun tempo se estableceu en Gres, na aldea natal, na súa casa, onde está a fundación que leva o seu nome.


  Dende entón, os recoñecementos ao autor de Memorias de un neno labrego foron numerosos: nomeado membro numerario da Real Academia da Lingua Galega, investido Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña, medalla Castelao, Pedrón de Honra, premiado en numerosas ocasións aquí (Premio da Crítica Galega) e no resto de España (Premio Nacional de Crítica).
     No mes de outubro concedeu unha última entrevista ao semanario Sermos Galiza (número 166), hoxe queremos rescatala como homenaxe e como memoria dunha vida enteira traballando pola lingua e pola cultura. Tedes o link: www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/Xose-neira-vilas-fun-activista
 
     Preguntado, como tantos escritores, sobre a causa da vocación de escritor, Neira Vilas confesou:

                                   "Escribo porque escribo en galego. Se fora escritor en español, 
                             hai 20 anos que  o tería deixado. Eu escribirei até que morra, até 
                            que teña cabeza. E tamén me preguntaron outra parvada: como 
                            lle gustaría ser recordado? Por ser unha boa persoa,   non pido máis."

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...