8/4/16

"María Casares" premia o teatro galego

     O Día Mundial do Teatro celébrase o 27 de marzo: hai manifestos, reivindicacións, ofrendas florais, representacións e premios, moitos premios.
     En Galicia, os premios anuais de teatro levan o nome da nosa María Casares, xa que foi a actriz máis importante que poidera ser relacionada coa escea e, aínda que de moi nena tivo que vivir o exilio, a súa orixe galega fai que vexamos a súa excelente carreira teatral como un pouco nosa. Quen sabe, se foran outras as circunstancias históricas, se non tiveramos vivido unha idade de ouro no teatro galego.
     Os premios María Casares de Teatro 2016 entregáronse no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña -por certo, hai unha iniciativa popular que fala de cambiar o nome do Teatro Colón polo de María Casares...-, nunha gala (non hai entrega de premios sen "gala") conducida polo celebrado grupo Chévere, que tamén homenaxeou a creación das Irmandades da Fala, hai xa cen anos.



     Seguindo coas efemérides, o certo é que a actriz María Casares morreu hai 20 anos en París, onde fora exiliada de nena coa súa familia. Foi en Francia onde se fixo como muller e como actriz, e o certo é que chegou a ser unha intelectual de referencia fora das nosas fronteiras.
     A compañía Teatro do Atlántico acadou cinco premios pola obra O principio de Arquímedes: mellor espectáculo, mellor director, actor protagonista, actor secundario e mellor adaptación/tradución.

Toni Salgado, como adestrador de natación

En canto aos triunfos, foi seguida moi de cerca polo Centro Dramático Galego que acadou tres premios: actriz protagonista para Melania Cruz, escenografía e iluminación, pola obra Xardín Supremo.



Imaxe da representación

I

Melania Cruz agradece ó seu premio. Imaxe TVG





     Outros premiados foron Sarabela Teatro por Ensaio sobre a cegueira (baseada na novela de Saramago), Teatro do Morcego por Presidente, Aporía Escénica por 30 e tantos ósos, Matrioshka Teatro por Manawee e Ibuprofeno Teatro por O furancho.
     Celebrábase a festa do teatro e todos os que estiveron sobre o escenario do Teatro Rosalía de Castro aproveitaron a ocasión para reivindicar máis apoios, foi lido un manifesto onde se chama a atención sobre a trampa das axudas que parecen concebidas para fomentar a dependencia". Houbo queixas polo "paternalismo das institucións", e moito, moito amor polo teatro...
     O certo é que malia a falta de apoio e a subida do IVA as representacións teatrais son protagonistas da nosa vida cultural durante todo o curso, especialmente. Vós estades habituados a asistir a representacións especiais para escolares mais tamén ides aprendendo a presenciar obras que non só están feitas para adolescentes. 
     Apuntade ben na axenda:
      O principio de Arquímedes estará no Fórum Metropolitano da A Coruña o día 29 de abril, e esta fin de semana no teatro Rosalía de Castro (venres 8 e sábado 9 de abril) estará Teatro do Morcego coa tamén premiada Presidente.
     Animádevos a ir ao teatro e animade tamén aos vosos.
     

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...