19/10/16

Quen foi María Casares?

     Unha afamada actriz que triunfou en Francia, primeiro no teatro e despois no cine.








     Representou obras de Valle-Inclán como Divinas palabras, de Lorca como La casa de Bernarda Alba ou Yerma, unha versión da poesía de San Juan de la Cruz, La noche oscura, con coreografía de Maurice Béjart.

    Tamén fixo na escea francesa papeis nas grandes traxedias gregas (Edipo Rei, Hécuba, Medea), xunto cos grandes do teatro europeo: Fausto de Marlowe, Conto de inverno, Soño dunha noite de San Xoán de Shakespeare, Don Juan e Tartufo de Molière. Isto a levou a ser coñecida como a gran actriz dramática clásica. En 1990 lle concederon o gran Premio Nacional de Teatro e tamén recibiu a "Legion d'Honeur", o máis alto recoñecemento da República Francesa.





    Foi unha actriz non só clásica senón vangardista, arriscou moito con representacións contemporáneas como Peer Gynt de Ibsen, Tropismos de Nathalie Sarraute, El adefesio de Rafael Alberti e Le Malentendu de Albert Camus, Premio Nobel de Literatura en  1957, e parella de María Casares durante bastante tempo.
   
   En cine gravou La charteuse de Parma, Orfeo, La septième porte, La letrice...




     Mais para nós, María Casares (con til, os franceses sempre puxeron o seu nome á francesa, sen til e agudo, "Maria"), é a nena que vivía na Coruña, na rúa Panadeiras, onde hoxe está a Casa-Museu Casares Quiroga, veraneaba en Montrove, no Pazo do Río, e disfrutaba dos seus paseos e baños na praia de Bastiagueiro.
     Era a filla de Santiago Casares Quiroga, avogado, intelectual e político, e de Gloria Pérez, muller de forte carácter á que estivo sempre moi ligada.


Foto :wikipedia

   Aos 9 anos, "Vitola" (como a chamaba o seu pai, cun agarimoso hipocorístico de Mª Victoria) trasladouse a Madrid xa que o pai foi nomeado ministro, e alí estudou no "Instituto Escuela", cos intelectuais máis coñecidos da República. Cunha educación moderna e progresista a rapaza comeza a facer algo de teatro e destaca recitando poemas.
     No comezo da Guerra Civil, ela e máis a súa nai colaboraron nun hospital de combate. Era moi sensible, e enfermou de tanto traballar e de ver tantas desgracias alleas.

     Ela contou a súa vida en Résidente priviliegiée, unha mestura de biografía e libro de memorias, que podedes consultar se queredes (foi o número 10000 no catálogo da nosa biblioteca)


Editorial Trifolium


     Marcharon a París para protexerse nun momento en que Santiago Casares Quiroga era o Presidente da República e tiveron, como tantos, que exiliarse. 
     En Paris, María botaba moito de menos a súa vida "libre" na súa Galicia da infancia e no Madrid da adolescencia. Francia parécelle un sitio ríxido, clasista e pouco progresista. Ela ven dunha vida sen normas, nin uniformes, nin relixión, nin convencionalismos... Estudou o Bacharelato nun internado en Suiza.
     Pronto comezaría a habituarse ao exilio e, grazas a uns amigos da familia, descubriu outra Galicia nos veráns que pasaba na Bretaña. Esta familia apoiaría moito a súa carreira como actriz. Unha carreira que tivo algunha dificultade: suspendeu o exame de ingreso no Conservatorio de París por "dicción pouco clara". Estudou moito para levar a cabo o seu proxecto de futuro.
     O pai, enfermo de tuberculose, foi o gran ausente dende a súa adolescencia. Presidiu o governo da República española no exilio e viaxaba constantemente, así que as súas relacións foron moitas veces "epistolares". As cartas que intercambiaron pai e filla foron publicadas hai pouco por María Lopo en Cartas do exilio, que tamén tedes á vosa disposición na Biblioteca.

Baía Edicións






No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...