11/11/16

Leonard Cohen

    

página oficial




     Chega a nós a noticia da morte de Leonard Cohen.
     Aos 82 anos de idade, o poeta (merecedor do Premio Príncipe de Asturias das Letras no ano 2011), novelista, cantautor e pintor canadiense (nacido en Montreal), pero tamén grego (aínda ten casa na illa de Hydra) e universal, fai boa a letra da súa última canción:

                                     "Hineni, hineni, I'm ready, my Lord"

seguindo as palabras que Abraham dedicou ao seu deus cando lle pedira o sacrificio do seu fillo Isaac.
     O seu último traballo, You Want it Darker, recolle os seus últimos poemas, máis recitados que cantados, como testamento literario e vital.
     Cohen naceu en Westmount, Montreal, unha zona anglófona na comunidade francófona de Canadá.
     De orixe xudeu, sempre mantivo unha intensa e tensa relación coa relixión, á que fai referencia nas súas poesías: ritos, cerimonias, Abraham e Isaac, o Señor, ás casas de Misericordia,...
     Dende moi novo quixo ser escritor, estudou en Montreal e en Columbia (EEUU), e tentou abrirse camiño no mundo das letras cos seus poemas e con dúas novelas experimentais, The Favourite Game e Beautiful Losers, que non foron moi ben recibidas pola crítica, aínda que lle deron certa fama polos contidos sexualmente explícitos.
    O seu escaso éxito como escritor fixo que se refuxiara na composición de música para os seu s versos que empezaron a facer famosos xoves cantantes de liña folk estadounidenses. Foi case natural que debutara como cantautor xunto aos seus amigos (Judy Collins, Janis Joplin, ) e que comezara a ocupar un espazo entre os intérpretes de música popular máis destacados dos anos 70.

Página oficial




   
     Nese tempo viaxara a Grecia e residía na illa de Hydra a meirande parte do ano. Alí tiña a paz necesaria para escribir e para vivir tranquilamente. A súa imaxe de trovador contemporáneo, de home atractivo para as mulleres e de pensador moderno foi crecendo co paso do tempo.

     Unha das súas cancións máis populares, que foi interpretada por grandes músicos e cantantes foi "Hallellujah", pero antes deixou "Suzanne", "So long, Marianne", "Sisters of Mercy", "Famous Blue Raincoat", "Chelsea Hotel", "I'm your man", e tantas e tantas cancións perfectas.

página oficial


     As súas obras de poesía non deixaron de ser publicadas: Flowers for Hitler, Death of a Ladie's Man, Book of Mercy..., a carón dos seus discos máis publicitados: Songs from a Room, Songs of Love and Hate, Live Songs, New Skin for de Old Ceremony...

Wikipedia, fotografía

     Unha crise persoal, despois de anos de excesos, levouno a ingresar nun mosteiro budista (en Los Angeles, California) onde viviu algúns anos adicado á meditación, á oración e á pintura. Saiu desa crise fortalecido como poeta e seguiu escribindo e publicando obras como Book of Longing.

Allan Showatter, fotografía

     Nestes últimos anos da súa vida viuse obrigado a voltar aos escenarios despois dun descalabro finacieiro. A súa longa xira por toda Europa deixa un grato recordo no noso país, onde actuou (Vigo e, tempo despois, Ourense) ante miles de seguidores en dous concertos memorables.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...