13/7/18

25 aniversario do María Casares

       



     O sábado 29 de xuño, malia choiva, foi o fin de festa da celebración do 25 aniversario do instituto. Un grupo de profesores e de alumnos (de antes, eles non queren que lles chamemos exalumnos, porque sempre serán alumnos do IES María Casares) estivo traballando arreo todo o curso para chegaren a este broche final. 
     Houbo dou presentadores de excepción, dous alumnos de onte e de sempre: Alejandro Carro e Celia Varela, que foron dando entrada aos distintos protagonistas contando anécdotas recoñecidas por moitos. 
     Podedes ver que atentos todos! 



     O alcalde de Oleiros, que tanto traballou e traballa polos xoves e pola educación no concello fixo tamén un discurso remontándose aos tempos de creación do centro e rematado por unha promesa: doación dunha insignia que pertenceu a Santiago Casares Quiroga, pai da nosa María Casares.
     Falou tamén Xosé Alfeirán, profesor de Xeografía e Historia, quen fixo unha semblanza da biografía de María Casares relacionada especialmente coa nosa zona: Montrove, polo pazo onde pasaba os veráns e a praia de Bastiagueiro, na que sempre pensaba cando vivía no exilio.
     Falaron tamén Marisa Ron, a primeira directora que votou a andar o instituto cando aínda era coñecido como o "instituto de Bastiagueiro" ou o "instituto de Santa Cruz"; Diego Álvarez Puente, profesor de Matemáticas e membro de distintos equipos directivos; Alejandro Porto Andión, profesor de Bioloxía e director ata agora. Despois foron os alumnos de onte e de hoxe os que subiron ao escenario: Juan Martín Prieto, Lois Alcayde Dans, Sara Babío e Gadea Abad.












     Tras eles foi a actriz Mabel Rivera a que nos leu uns textos de Residente privilexiada, a biografía de María Casares. Díxonos, emocionada, que xa se sinte tamén parte do noso centro. Grazas, Mabel!
     


   O último en subir foi Daniel Celester, alumno e actor, quen nos levou a ver por fin o marabilloso mural conmemorativo que as profesoras de Debuxo Ana García Gullón e María Magán deixan para sempre na saída ás pistas, espectacular!
     Unha fermosa alegoría da actriz que nos leva ao seu traballo no teatro, representado coa máscara,  e no cine, representado na película de celuloide que a envolve.




     Na parte final: a referencia ao noso instituto coas cores "pantone" que foron deseñadas por Fernando Fernández Páez e que este curso repintaron os alumnos coas profesoras de Debuxo; tamén deixan a referencia ao aniversario e á creatividade dos máis novos. O mural foi posible grazas a ANPA Os Pazos, sempre atenta a traballar arreo con nós. Grazas, nais e pais dos nosos alumnos!


Ana





    E despois, o de sempre, comida e bebida baixo unha carpa (coa que caeu pola tarde, viu moi ben), e moitas risas e recordos. Música para rematar e fotos, fotos e fotos!
     
     Grazas a todos e ata sempre!


   



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...