Ata o 19 de marzo podedes visitar, na sede de Afundación de A Coruña, a mostra que o editor Moleiro (www.moleiro.com ) organizou para presentar a edición facsímil do Pergamino Vindel.
Os que estudades Literatura sabedes que as cantigas en galego-portugués representan o cumio da lírica europea do século XIII, e tamén que se conservaron incluídas en Cancioneiros nos que podemos atopar as partituras dalgunhas poesías.
A historia do Pergamino Vindel é apaixoante: un libreiro, Pedro Vindel, atopou en 1914 no seu negocio, unha edición medieval dunha obra de Cicerón, De oficiis, e observou que tiña unhas guardas fermosísimas, moi parecidas a un códice medieval. Esas guardas que "forraban" por dentro o libro de Cicerón resultaron ser unha copia do século XIII en pergamino das famosas sete cantigas de Martín Códax, o máis admirado poeta da nosa lingua.
O pergamino, que tomaría o apellido do seu descubridor, contén as partituras de seis poemas e as sete cantigas de Martín Códax, do que non sabemos máis...
A máis famosa:
Ondas do mar de Vigo
se vistes meu amigo?
E ai, Deus!, se verrá cedo?
Ondas do mar levado
se vistes meu amado?
E ai, Deus!, se verrá cedo?
Se vistes meu amigo,
o por que eu sospiro?
E ai, Deus!, se verrá cedo?
Se vistes meu amado,
por que ei gran coidado?
E ai, Deus!, se verrá cedo?
Déixovos un video coa composición interpretada por Jordi Savall, na voz de Montserrat Figueras, dos versos de Martín Códax, "Quantas sabedes amar amigo" é a cantiga número cinco.
No hay comentarios:
Publicar un comentario