Sigamos o consello de Paul Valery, cultivemos a nosa intelixencia escribindo versos, por exemplo. A propósito, ¿xa tes o teu caderniño-recuncho? Se é así, permítome aconsellarche que o agarres ben, pegues unha copia do poema de Gil de Biedmaque verás a continuación: hai un montón delas no recuncho de poesía, a carón do salón de actos. Of course, tamén podes copiar os versos de aquí mesmo. O que ti queiras, o caso é que a continuación escribas os teus propios versos inspirados nestes do famoso poeta barcelonés.
Idilio en el café (fragmento)
Ven. Salgamos fuera. La noche. Queda espacio
arriba, más arriba, mucho más que las luces
que iluminan a ráfagas tus ojos agrandados.
Queda también silencio entre nosotros,
silencio
y este beso igual que un largo túnel.
27/2/09
"Los tres mejores ejercicios para la inteligencia, los únicos quizá, son hacer versos, cultivar las matemáticas y dibujar"
A nosa terra, esa grande, redonda e maltratada vai ter o seu día o próximo 22 de abril. Que tal se o celebramos regalándolle algo de coidado, prometéndolle se cadra aquilo de "a partir de agora vou ser bo ou boa"?. A algo diso nos animan National Geographic e o grupo catalán Macaco e fano ademais cun himno marchosísimo, que titularon Movinge que acaban de sacar. E fíxate que cantidade de celebridades se prestaron a participar no vídeo de promoción desta canción festeira. Bardem, Javier Cámara, Rosario... Non sei a vós, pero a min canción e vídeo parécenme moi divertidos.
Hoxe toca falar doutra famosa exiliada, dunha rapaza coruñesa, quen, con só 15 anos, tivo que cruzar a fronteira alá no ano 1937 e buscar refuxio en Francia. Chamabase María Casares e era filla de Santiago Casares Quiroga, célebre político coruñés que chegou a ser xefe do Consello de Ministros da República. Nos meses anteriores á súa fuxida, María traballara como enfermeira do exército republicano. Logo, nada máis chegar a Francia, na pequena poboación de Le Pethus, coñece a xente da Comedia francesa e inicia a súa carreira como actriz de cine e de teatro. Se queredes saber máis datos da súa vida clicade no se nome e consultade a fermosa fotobiografía que nos ofrece culturagalega.org. E se aínda quedades con gañas de máis información, esperade que saia a autobiografía en galego da xenial artista. A editorial Trifolium encargarase de poñela en circulación na segunda semana de marzo co título de Residencia privilexiada, segundo nos informaba hai pouco La Voz de Galicia. Tomade nota deste libro, ao que lle teremos que facer sitio na nosa biblioteca (e abofé que iso é cada día máis difícil). A foto está sacada de culturagalega.org.
O 22 de febreiro de 1939 morría en Collioure (Francia) o gran poeta Antonio Machado. Gravemente enfermo, Antonio Machado chegara a esa pequena localidade francesa na compaña da súa nai, tamén moi enferma, e doutros compatriotas que fuxían do exército de Franco, cuxa aviación os perseguiu e bombardeou con saña, segundo relata Alonso Montero na súa columna do suplemento Culturas (La Voz de Galicia, 21/02/2009). De Antonio Machado sóese destacar a súa obra literaria, especialmente a poética, pero tamén iso que chamamos "calidade humana", que é a que hoxe me interesa lembrar aquí. Mirade, Antonio Machado foi o que se di un home bo, unha persoa que se esforzou por levar unha vida coherente coas súas ideas. Case nada. Invítovos a que leades uns versos que o xenial Rubén Darío, de quen Machado era amigo, lle dedicou:
ORACIÓN POR ANTONIO MACHADO
Misterioso y silencioso iba una y otra vez. Su mirada era tan profunda que apenas se podía ver. Cuando hablaba tenía un dejo de timidez y de altivez. Y la luz de sus pensamientos casi siempre se veía arder. Era luminoso y profundo como era hombre de buena fe. Fuera pastor de mil leones y de corderos a la vez. Conduciría tempestades o traería un panal de miel. Las maravillas de la vida y del amor y del placer, cantaba en versos profundos cuyo secreto era de él. Montado en un raro Pegaso, un día al imposible se fue. Ruego por Antonio a mis dioses, ellos le salven siempre. Amén.
Leo en La Voz de Galicia e en culturagalega.org que a editorial Marvel fichou á debuxante galega Emma Ríos para o número 10 da serie Runaway, que sairá á venda no mes de maio en Estados Unidos. Ogallá sexan tan xenerosos os responsable de Marvel como o foron os de Boom! Studios, a editora que publicou Hexed, e nos deixen ler o traballo de Emma en Internet. De momento, témonos que conformar coa portada, que podedes ver na a imaxe que ilustra este post, e que, por certo, non se debe ao lapis de Emma Ríos senon ao de David Lafuente.
Decía Celaya que precisabamos a poesía, tanto como o pan de cada día. Así que, non cada día, pero si cada semana deixaremos na entrada do instituto un poema para que alimentedes o espíritu. Esperamos, a cambio, que vos nos deixedes ler as vosas propias composicións, aqueles poemiñas que se inspiren nos modelos que leades ou ben os que xurdan da vosa soa inspiración. Pedídelles ás profesoras de lingua que vos pasen un caderniño para ir anotando todo isto. Alá polo mes de maio faremos reconto de toda a vosa produción poética e repartiremos uns pequenos premios en agradecemento. Veña, anímadevos a sentir e a contalo, buscade no recuncho da poesía ( ao carón do salón de actos) o poema desta semana e argallade uns versiños.
Chegou á biblioteca un libro-tocho de máis de mil páxinas, máis ben pesado (¡ollo! porque pesa, non porque coste lelo) pero que ben vale cada gramo do seu peso. Trátase de "Los hijos del rock", de Salvador Domínguez. O libro é continuación De "Bienvenido Mr. Rock" e está dedicado aos grupos hispanos que triunfaron entre os anos 1975 e 1989. As bandas galegas teñen o seu recuncho no capítulo titulado "La invasión gallega": nel ilústrase a traxectoria de bandas tales como Siniestro total, Golpes bajos, Os Resentidos, Semen up e AerolíneasFederales.
Ímoslle poñer un cuñiño ao libro, rexistralo debidamente e colocalo na mesa de novidades. Alí te estará esperando, pero corre que seguro que voa.
Co voso permiso, esta vez vou recomendar unha película e non o libro no que se basea, que aínda non lin. Fálovos de Slumdog Millionaire, unha película que están botando estes días nas sás de cine e da que se está a falar moito, entre outras razóns, por aquelo dos óscars que polo visto pode levar. Recoñeceredes que algúns dos seus responsables teñen uns antecedentes cinematográficos do melloriño. Empezando polo guionista, Simon Beaufoy, responsable tamén do guión de Full Monty e rematando polo director, Danny Boyle, quen xa hai uns anos dirixira Trainspotting, unha tremenda película de personaxes desgarrados e marxinais. Slumdog Millionaire arranca cunha sospeita: un mozo de dezaoito anos, sen estudos oficiais e que se criou nas rúas de Bombai en condicións miserables, pode saber tanto como para estar a punto de gañar 20 millóns de rupias nun concurso de televisión do estilo Quere vostede ser millionario, con preguntas enrevesadas que deixan mudos a moitos universitarios? Non é de extrañar que a policía se faga esta pregunta e, a continuación, elabore a única explicación que lle parece posible: Jamal, o mozo dos suburbios que parece sabelo todo, fai trampas. Así que cando só lle falta unha pregunta para gañar o gran premio, lévano detido. No interrogatorio saberemos onde aprendeu Jamal todo o que sabe e as razóns que o levaron a participar no concurso de televisión. Pero eu non conto máis, non quero estropearvos a hora de intenso disfrute cinematofráfico que ben seguro pasaredes se ides ver esta película. De momento, déixovos o tráiler para que vaiades "facendo boca".
Permitímonos hoxe incluír no blogue unha longa cita sobre Darwin extraída dun recente artigo que o científico Xurxo Mariño publicou en culturagalega.org. E facémolo porque nos parece moi oportuno recordar que tamén a Darwin a inspiración o colleu traballando, ou, como dirían os ingleses, "inspiration is perspiration." Di Xurxo Mariño:"Polas súas obras e por todo o que teño lido sobre el, estou convencido de que Darwin non era unha persoa de intelixencia “superior”. A idea da selección natural, por exemplo, está exposta dun xeito máis brillante por Alfred Wallace que por Darwin, se comparamos os breves traballos que ámbolos dous presentaron conxuntamente en 1858 na “Linnean Society” de Londres, pistoletazo de saída para a publicación de “A orixe das especies” un ano despois. Mais Darwin foi un científico que destacou por riba de todos os naturalistas do seu tempo e que desenvolveu unha visión revolucionaria da vida sobre a cal se sustenta toda a bioloxía de hogano. Como fixo? Observou a natureza con gozo e extrema curiosidade, cunha mente libre de prexuízos; buscou probas con paciencia, perseveranza e tesón antes de convencerse e dar algo por feito; foi humilde ata extremos inconcibibles hoxe en día; viaxou por todo o mundo, observou, meditou, camiñou, navegou, volveu a meditar. E todo sen presas. Foi un científico modelo, un dos poucos. Hoxe hai moito currículo e moita présa, pero poucos científicos coa calidade de Charles Darwin." Se queredes ler o artigo completo, clicade aquí. A foto está sacada de culturagalega.org