Persepolis: the veil A imaxe está sacada da páxina da editorial Ramdon House
Eu que pensaba que era inmune ao encanto dos cómics e acabo de caer rendida diante dun deles. E por riba, trátase dun cómic en branco e negro e con debuxos de trazos toscos, como infantís, “naïf”, se me permitides a palabriña. O caso é que eu quería ler Watchmen, que é o mellor cómic da historia, segundo din os de Microsiervos, e ademais está cheo de superherois Así que fun a biblioteca buscalo. “Non o temos”, dime Violeta, “Leva, se queres, “Persépolis”, ou “Maus”, que tamén están moi ben”. E así fixen: como son “guiada” collín “Persépolis” aínda que a pinta botábame un pouco para atrás. Ábroo e en lugar de superherois atópome cunha nena de dez anos que vive no Irán dos anos setenta do pasado século, teimuda, contestona e con tendencia a ensimesmarse. De superheroína, nada. Agora ben, ambición non lle falta á rapaza: quere ser profeta. E nada mellor para conseguilo que falar con Deus, por suposto. E iso fai noite tras noite. Ata que se cansa e nun rauto de xenio bótao da súa vida para sempre. Daquela xa a Deus lle saíran demasiados defensores demasiado preocupados por perseguir nos seus compatriotas, e sobre todo nas súas compatriotas, calquera asomo de falta de fervor relixioso. Do choque entre uns e outros xurdirán algunhas situacións cómicas (poden chegar a ser tan ridículos os fanáticos relixiosos…), e moitas máis tráxicas. Logo virá a guerra, os estudos, o exilio voluntario… Total, que me encantou "Persépolis". Non digo que o lin dunha tacada pero case.
Dunha historia así, tan ben contada, tíñase que facer unha película. E fíxose, claro. Déixovos o tráiler da versión en español e un link a un sitio donde podedes ver unha mostra do libro en inglés. Escuso recordarvos que na biblioteca tendes este último completo, traducido e con tapa dura. Facédelle caso ao consello dunha non amante dos cómics, lede Persépolis. Xa me daredes as grazas despois. Eu agora doullas a Violeta, que mo recomendou a min.
Algunhas páxinas de "Persépolis" en Ramdon House
No hay comentarios:
Publicar un comentario