13/6/09

Relatos de amor para levar á praia



Avísovos de que uns cantos posts que me quedan por perpetrarvos antes de que remate este curso van ir de premios literarios. A que vén esta especie de ameaza? Que teñen de malo os premios literarios? Vaia por diante que eu penso que nada de nada. Ao contrario, os premios fan felices a moitas persoas. Para empezar, aos premiados, que vemos nas fotos das cerimonias felices e contentos recibindo o seu galardón; logo, aos da editorial, que aproveitan para vender libros, que é o seu, e Deus queira que lles vaia ben por moitos anos. E por último, aos lectores que mercan as obras premiadas e parecen pasalo ben léndoas.
Agora ben, dito todo o anterior, probablemente haxa criterios mellores para escoller unha lectura que o dos premios que teña recibido, claro que si, e convén que cada quén vaia formando os seus. Pero seguro que sabedes de sobra todo isto e podo pasar sen tanto preámbulo ao asunto que me traía hoxe aquí. O caso é que a Agustín Fernández Paz déronlle por O único que queda é o amor, primeiro o premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil e logo o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil do ano 2008. O libro leva unha boa tempada na lista dos máis vendidos de La Voz de Galicia e pareceume que podía ser unha moi boa recomendación para as vacacións que se aproximan. Como o seu título indica, en O único que queda é o amor, Agustín Fernández Paz volve a falar do amor, unha vez máis, que dicía a canción. A obra consta de dez relatos sobre ese tema eterno. Se clicades no título veredes unha relación de todos eles e un breve resumo dos seus argumentos (lamentablemente, tamén se contan o desenlaces). A continuación, un deses resumos (sen o desenlace, claro):
Unha historia de fantasmas: lembra unha narradora feminina de cando facendo o camiño de Santiago dende Pamplona un home contou á noite na pousada dun accidente de coche que deixou viúva e sumida na tristeza e soidade a unha muller. Até que empezou a sentir a presencia do marido na casa, que logo se fixo real nas flores que alguén levara, e mesmo no libro de Valente que atopou aberto enriba da cama co poema que ela tantas veces lle lera. Intenta a narradora ao día seguinte falar co relator da historia, mais desaparecera...




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...