6/3/18

8 de marzo

   




     Xa que ven por aí o 8 de marzo, temos de volta no vestíbulo a exposición "Mulleres", feita polo profesorado do instituto hai anos, e que aínda vai rulando polos centros de Galicia curso tras curso.
      A mostra foi un traballo de visualización das mulleres que ao longo da historia tiveron unha labor imprescindible para as xeracións que viñeron detrás.

     A parte artística foi elaborada por Fernando Fernández Páez. Marta Pérez adicouse ás mulleres e a ciencia; os profesores de linguas (Sabela Echevarría, Marisa Herraiz, Olga López, Carmela Moure, David Saá e Pepe Taboada) tiveron en conta ás escritoras e intelectuais das letras en distintos idiomas; Isabel Fernández Pena fíxonos ver ás filósofas; Manuel Rodríguez Sierra, ás que destacaron no terreo musical; Carmen Gallego ás mulleres na historia. 






     "A muller e a ciencia" abrangue dende Hipatia de Alexandría ata Teano, discípula de Pitágoras, na antigüidade; mais tamén unha curiosidade bibliográfica sobre como os  libros científicos  coñeceron edicións especiais "para mulleres" (algo impensable hoxe...). As mulleres que recibiron o Premio Nobel de Física, de Química e de Medicina non o tiveron nada fácil traballando a carón dos seus maridos ou dos seus pais e levando poucas veces o mérito do traballo en equipo: Madame Curie, con dous premios (Física e Química) polas súas investigacións sobre radiación, o radio e o polonio (nome que recibe o elemento químico pola súa orixe) é a máis coñecida, xunto a ela, a súa filla Irene Joliot-Curie (Pº Nobel de Química) que continuou o traballo dos pais, moito destaca tamén Rita Levi-Montalcini, centenaria investigadora italiana, que recibiu o premio polo seu traballo sobre os factores de crecemento do tecido nervioso.




     "A muller e a arte" recolle ás pintoras Sofonisba Anguisola e Artemisa Gentileschi que no século XVII non tiveron visibilidade pola súa condición feminina. Tamén destaca Camile Claudel, gran escultora, sempre á sombra de Rodin; e a nosa Maruxa Mallo, unha das "sin sombreiro" da xeneración do 27 que marchou á México cando a guerra civil e alí trabou unha grande amistade con Frida Khalo.




     "A muller e a Filosofía" nos ofrece a figura de Concepción Arenal, importante pola reforma social e penitenciaria que propugnou; xunto a ela Rosa Luxemburgo ou María Zambrano, filósofa, unha vez máis, do grupo do 27, discípula de Ortega y Gasset, que tivo que exiliarse e voltou moito tempo despois.



     No terreo da literatura temos dende a antigüidade clásica unha figura de referencia: Safo. E na idade media unha muller ligada á nosa cultura: Exeria, que fixo a narración da viaxe a Compostela no século IV.

     Tamén María de Francia autora dos lais, a poesía lírica máis elegante na Europa daqueles tempos, xunto á das mulleres hispanoárabes que escribían poemas en Al-Andalus. Nos séculos XVII e XVIII Madame de La Fayette, do tempo de Sor Juana Inés de la Cruz, e Madame de Staël, que fixo florecer o romanticismo. Máis autoras, todas coñecidas, e moitas, de aquí: Rosalía, Filomena Dato, Luz Pozo, Pilar Pallarés...

     As artistas como Maria Callas e a nosa María Casares pechan unha exposición que é unha testemuña e un exemplo para todas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...