24/5/09

Alerta zombi



Disque se está preparando "ao outro lado do Atlántico" (onde se non?) un ataque masivo de zombis mediáticos, que está previsto que chegue a estas desprotexidas costas de aquí a uns meses. Alá polas Américas do Norte, os zombis está movéndose ben, "escalando posicións" poderiamos dicir, e desprazando do panorama pop-literario e mediático aos vampiros de Crepúsculo, Amanecer e demais. No seu avance, os mortos vivintes están reconquistando territorios xa visitados por eles noutras ocasións e abríndose paso noutros onde nunca puxeran o seu cheirento pé. Cómics que presentan versións zombis dos súper heroes, superproducións de Hollywood, con directores e actores de primeira fila, vídeoxogos e ata musicais rendéronse xa ao avance zombi. Pero nada disto me chama a atención e non pulsaría unha soa tecla deste meu gastado teclado para vos contar isto senón fose porque me enterei de que os zombis atacaran con éxito un territorio literario que estimo moito: nada menos que a obra da escritora inglesa Jane Austen e nada menos que unha das súas novelas máis logradas, "Pride and prejudice". Polo visto, o periodista Seth Grahame Smith vén de publicar unha novela que se titula "Pride and Prejudice and zombies" e que trata dunha atribulada familia inglesa, os Bennet, empeñada en conseguir dous obxectivos: casar ás súas cinco fillas e ao mesmo tempo loitar contra os ataques de oleadas de zombis comecerebros. Seica a maravillosa novela de Jane Austen amóldase ben ás convencións do mundo zombi. Segundo nos recorda Lev Grossman, o crítico da revista Time, a xenial novela de Jane Austen vai de como usar o enxeño, encanto e bos modais para evitar falar de "cousas inapropiadas", tales como o sexo ou os cartos. Pois ben, na versión de Seth Grahame Smith, os zombis son unha máis desas "cousas inapropiadas" das que non se debe falar. Aos repipis membros da clase media inglesa que poboan o obra de Jane Austen nin sequera lles gusta pronunciar a palabra "zombi" a pesar de que os mortos viventes están en todas partes matando e descortizando a miles de persoas.
Por moi extravagante que vos pareza a trama deformada do clásico inglés, e a min parécemo moito, hei de decirvos que a novela Grahame Smith xa se convertiu niso que chaman "un éxito de ventas". Agora mesmo veño de comprobar que o libro segue na lista dos máis vendidos do New York Times. Vai ser que as preferencias dos lectores son como os camiños do Señor, insondables.
Deixádeme que escriba como galega que son: quizais canto acabo de contarvos poida considerarse un adianto da moda pop-literaria da temporada outono inverno ou quizais non, e os zombis perdan forza ao cruzaren o Atlántico. En todo caso, eu aviso e logo que cada quen adopte a posición que crea máis convinte: correr a recibir ao exército zombi, ou pórse a cuberto, segundo se prefira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...