18/11/10

As letras galegas locen moito no iPad




Din os que saben algo disto que o 2011 vai ser o ano das tabletas dixitais, primas irmás todas elas da actual iPad de Apple. Algúns opinan que van varrer aos lectores electrónicos e case ninguén cre que eliminarán a corto ou a medio prazo aos libros de papel (así que Pérez Reverte ben escusaba pórse tanto dos nervios diante desta posibilidade).

A min tamén me gusta moito o papel, pero confeso que estou deixándome seducir por estes novos aparatiños. Presentan algunhas posibilidades moi interesantes e divertidas. Como exemplo, a proposta que acaba de presentar a editorial Galaxia. Trátase de catro contos infantís interactivos adaptados para o iPad, Puag, que noxo! e Un can no piso!, de Fina Casalderrey (ilustrados por Xan López Domínguez e Kristina Sabaite), Quen son?, de Alicia Borrás (con ilustracións de Andrés Meixide), Voces na lagoa do espantallo!, de Xan López Domínguez e Conto para non comer, de Oli (tamén ilustrado por Andrés Meixide). Estarán á venda de aquí a uns días na tenda online de Apple a 2,99 euros cada conto.

Din os responsables da editorial: "O usuario vai acceder a unha experiencia interactiva que lle permitirá ler os contos, escoitar as locucións (feitas por profesionais do mundo da dobraxe galega) en tres linguas, ou gravar as súas propias para personalizar absolutamente o conto. Deste xeito, cada libro é unha experiencia persoal, con zonas táctiles, efectos de son e animacións." Pois ben, visitei a web de Contoplanet desde o meu ordenador e quedei marabillada xa só pola beleza da demo do proxecto. Así que ler os contos dispoñendo de todas esas posibilidades interactivas que nos adianta Galaxia ten que se unha delicia tanto para os nenos pequenos como para os adultos. Esta iniciativa vai ter éxito, xa veredes.


Lede a noticia completa na páxina da editorial Galaxia.
Visitade a tenda de Contoplanet e comprobade in situ a beleza dos contos.
Vía: culturagalega.org

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...