Este ano celébrase o aniversario do nacemento en Serantes (Ferrol) de Gonzalo Torrente Ballester (GTB). Os xornais non paran de falar do escritor ferrolán, por un motivo ou outro: entrega do premio de narrativa GTB, celebración do congreso GTB, reedición dun conto de GTB, exposición sobre a vida e obra de GTB... Pois ben, nós queremos unirnos á festa dedicándolle este post ao escritor ferrolán. Así, de paso, tendes a oportunidade de coñecer a esta figura destacadísima da literatura en lingua castelá e de achegarvos á súa obra.
Algúns xa coñecedes a GTB porque lestes "Crónica del rey pasmado" ou vistes a deliciosa adaptación cinematográfica desta novela que narra as frustración eróticas dun rei mozo e namorado que se empeña en ver á raíña núa. A "Crónica" é unha das novelas máis coñecidas de Torrente Ballester, pero a moita distancia doutro título seu, "Los gozos y las sombras", unha triloxía de novelas que narra a vida e os traballos dunha imaxinaria vila mariñeira galega. É máis, Darío Villanueva, que de novelas sabe algo, afirma que "Los gozos y las sombras" é "unha das obras máis lidas da novelística española contemporánea". Esta popularidade débese, en boa parte, a unha adaptación televisiva do mesmo nome que TVE emitiu no ano 1982 e que, segundo consta na páxina web desta cadea, tivo "cautivas" ás audiencias" durante semanas. Polo visto, a serie lanzou os tres libros nos que se baseaba, que se converteron niso que chaman un fenómeno editorial, é dicir, que se venderon a esgalla, o cal non era nin é frecuente tratándose de obras que levaban escritas polo menos vintecinco anos. Moitísima xente, que se enganchara á serie, a "audiencia cautivada" da que fala TVE, devorou logo os libros de GTB.
Pois ben, se agora vos apetece repetir ese recorrido, da serie ao libro, podedes facelo de xeito cómodo e gratuíto. Por unha parte, TVE ofrécevos os 13 capítulos dixitalizados (están no seu arquivo permanente por elección dos internautas que consideraron "Los gozos y las sombras" a serie "mítica" que preferían volver a ver e conservar). Así que non tendes máis que ir ao arquivo da televisión pública e alí atoparedes a serie a carón dos vídeos da inesquecible Bruxa Avería e Chicho Ibáñez Serrador. E para rematar e chegar a meta do recorrido "da serie ao libro de GTB", só vos queda pasar pola biblioteca e pillar "Los gozos y las sombras" na sección de literatura en lingua castelá. E a disfrutalo
A foto representa a GTB aos vinte anos e está sacada da páxina dedicada ao escritor en clubcultura.com
A obra de GTB en Punto de lectura
No hay comentarios:
Publicar un comentario