O día 2 de abril (onde el vai, diredes) celebrouse o "
Día Internacional do libro infantil e xuvenil" e na biblioteca pensamos que era unha boa idea a que puxeron en práctica na
biblioteca municipal de Lorbé. Permitídeme un inciso: as bibliotecas municipais de Oleiros son unha fonte de inspiración para nós, temos que dicilo, non paran de programar actividades a cada cal máis interesante; vaian desde aquí os nosos parabéns para a xente que as xestiona. Rematado o inciso, sigo. Dicíavos que na biblioteca municipal de Lorbé montaron unha pequena exposición bibliográfica con títulos que conseguiron os premios
Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e o
Premio Andersen. Deses temos uns cantos na nosa biblioteca e ocorréusenos que podiamos facer outro tanto e montar nós tamén unha mostra similar. Pepe e Eva puxéronse mans á obra e o resultado podédelo ver en parte nas fotografías coas que arranca este post. E aínda que pasou o día, por esta vez non pasou a romaría: a exposición segue e manterase ata finais da semana que vén. Pasade logo pola biblioteca se queredes curiosear e comprobar quen é quen no mundo dos premios da literatura para xente nova.
No hay comentarios:
Publicar un comentario