Lin con certo detemento a publicación Los mayores y la enfermedad de alzheimer, da que vos falei hai uns días. Pareceume moi emotivo o prólogo de Albert Solé, periodista e fillo de Jordi Solé Tura, un dos relatores da Constitución e antigo ministro de Cultura. Moitos de vós seguramente non coñecedes a este personaxe, que morreu no ano 2009, pero os que xa podiamos votar nos anos oitenta lembrámolo perfectamente en plenas facultades mentais e lembramos asimesmo como nos conmoveu no seu momento a noticia de que o alzheimer estaba desbaratando unha cabeza ata aquela tan ben montada.
Ademais deste prólogo de Albert Solé, na publicación aparece outro de X e a continuación unha relación bibliográfica de obras literarias infantís e xuvenís que tocan o tema das relacións entre a xente vella e a moza. Repasei esta relación fixándome sobre todo nos títulos que se recomendan para maiores de 12 anos. E logo boteille unha ollada ao catálogo da nosa biblioteca para comprobar qué temos de todo iso e qué nos falta. E non temos moito, iso é certo, aínda que si outros títulos que non recolle a publicación (por exemplo La paloma y el degollado, de Fina Casalderrey, que plasma unha relación tan tenra e afectuosa entre un neto e o seu avó). De calquera xeito, dispoñemos dun pequeno presuposto que nos permitirá encher algúns ocos. De momento, co que atopei, refírome a títulos que se recomendan en Los mayores y la enfermedad de alzheimer e que están á vosa disposición na biblioteca, preparei unha pequena presentación para que vos sirva de consulta rápida e a ser posible de acicate para a lectura. Son todos títulos, digamos, solventes: de categoría supra e probada amenidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario