25/3/15

Os secretos de Donna Tartt

     


     Donna Tartt deuse a coñecer en 1992 coa publicación de El secreto, unha novela de iniciación protagonizada por un rapaz solitario e falto de cariño que escolle entrar nunha universidade moi alonxada do seu perdido pobo californiano. O que non sabe é que deixar aos seus pais e a súa vida anodina o fará entrar nunha espiral moi perigosa. 
     Elixe formar parte dun grupo selecto de estudantes de Literatura Clásica e, pouco a pouco, vaise decatando das estranas relacións de dependencia que hai entre os seus compañeiros e do terrible secreto que ocultan.


     A novela é un longo flash-back que parte do asasinato dun estudante do grupo pero a intriga permanece intacta ao longo do relato (e son 770 páxinas), xa que Donna Tartt non desvela nada, vai amosando as complicadísimas relacións entre os amigos, a influencia excesiva e maligna do profesor, o liderazgo oscuro dun dos rapaces protagonistas, os ritos dionisíacos que queren reproducir, a iniciación á vida adulta no campus universitario... A  intrincada rede de conflictos e de pequenos secretos interesa tanto ao lector que non pode deixar de ler unha novela hipnótica, psicolóxica, pero tamén de misterio e sobre todo crónica dunha xuventude que camiña sobre o fío dunha navalla sen saber que a vida pode pasar factura, mesmo que "sempre pasa factura".

     Dez anos despois, a autora publicou unha segunda novela, Un juego de niños, na que amosa a vida lenta do profundo sur dos Estados Unidos, onde ela naceu. Outra vez o mundo da adolescencia e da violencia: unha rapaza intenta esclarecer a morte do seu irmán.

      Non tivo tan boa acollida como a primeira novela mais o público americano agardou con paciencia outros dez anos para coñecer a que hoxe está sendo unha das obras máis lidas deste curso: El jilguero.

     Premio Pulitzer 2014,  El jilguero, malia súa extensión (máis de mil cen páxinas!), é outra novela hipnótica, de intriga, de iniciación, de aventuras, de misterio... Unha novela que ten cinco novelas dentro e que engancha ao lector como si fora unha obra curta. O estilo de Donna Tartt é moi sinxelo pero envolvente, aparentemente sereno pero cheo de matices que transmite ao lector. Ela sabe dosificar moi ben a información para termos enganchados dende a primeira frase.

     El jilguero parece  unha novela de aprendizaxe: o xove protagonista, que vive en Nova York coa súa nai, visita unha exposición na que a tabliña de Fabritius "El jilguero" chama a súa atención....

Non podemos decir máis, ainda que as reseñas do libro xa teñen desvelada a intriga principal, agás que a vida do protagonista experimenta unha convulsión dende o primeiro capítulo e que a acción é trepidante.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...