8/11/11

El Templo de las Mil Puertas

Queridos lectores e lectoras de primeiro de ESO, quero presentarvos hoxe unha páxina web  que a xente da biblioteca visitamos con certa frecuencia  e na que ides atopar pilas e pilas de libros, de todos os xéneros e para todos os gustos, reseñados por lectores mozos e entusiastas coma vós. Trátase de  El Templo de las Mil Puertas, unha revista de literatura xuvenil que vai xa polo número vintetrés e que vos permitirá estar ao día no que se refire á literatura xuvenil en castelán. Clicade logo no nome da revista e contádeme que vos parece, se o tendes a ben.

Pasarela de outono 2011

Estas son só algunhas das novidades que vos temos preparadas para este outono lector.




25/10/11

Xosé Tomás publica "Nómades"


Presentouse o día 19 deste mes de outubro a primeira entrega  dunha nova colección que a editorial Galaxia vai dedicar á novela gráfica. Titúlase Nómades e fírmaa Xosé Tomás. Cópiovos a continuación un fragmento da información que suministra o blogue culturagalega.org sobre esta obriña:
Nómades, de Xosé Tomás, é unha historia de arredor de cincuenta páxinas a toda cor, que con extras chega a un volume dunhas oitenta. Segundo explica o autor, a obra "achega unha visión da emigración a través de historias de mulleres. Cada capítulo leva o nome e céntrase nunha protagonista que vai dun lugar a outro. Hai unha muller que cruza o estreito e chega a un lugar como España, outra que podería ser cubana e que chega aquí como médica". O autor botou dous anos de documentación para facer esta visión da emigración, dirixida a un público adulto.

Máis información no blogue da editorial Galaxia

Chega a segunda parte de "El nombre del viento"



Raquel e Cristina, de 3º A, no caso improbable de que esteades ao outro lado deste blogue, prestade atención a este post porque vai especialmente dedicado a vós. Sei que gozastes coa lectura da obra de Patrick Rothfuss El nombre del viento: vinvos derovando as súas páxinas (e son moitas) con avidez e entusiasmo. É máis, lémbrome de que foi Raquel quen me puxo ao tanto da existencia de tal libro e tal autor, ambos completamente descoñecidos para min, e que me dixo: "Profe, tes que recomendar esta novela". Pois ben, compráceme hoxe avisarvos especialmente a vós, e de rebote aos lectores globais deste blogue, de que por fin chega ás librerías (exactamente o día 3 de novembro) a segunda parte da triloxía que inaugurou El nombre del viento. Vaise titular El temor del hombre sabio e sei que promete ser unha novela tan seductora e emocionante como a precedente . Creo recordar que por algún sitio se ofrecía un extracto da novela, pero vive Deus que non o dou atopado. Así que de momento conformádevos co "book-trailer". O libro supoño que o mercaremos para a biblioteca, pero iso xa non depende só de min.

18/10/11

Os zombis atacan a Shakespeare



A editorial Mondadori anuncia a próxima aparición no mercado das letras hispanas da tradución de Warm bodies, novela escrita polo  norteamericano Isaac Marion. En español Warm bodies vaise titular R y Julie en honor da celebrada, e tantas veces imitada  Romeo e Xulieta, do sublime William Shakespeare. Un inciso: lémbrome agora mesmo de Romeo y Julita Martínez, unha comedia intranscendente de Tono que parodiaba os amores dos famosos amantes de Verona en clave humorística. Pois ben, R y Julie parodia tamén, ou quizá recrea moi libremente, a traxedia shakespeariana en clave paranormal. Explícome: R e un zombi come-cerebros que se entretén atacando a humanos. Nunha destas saborea o cerebro dun adolescente namorado (trasunto do Paris de Romeo e Xulieta) e contáxiase dese amor. A partir dese momento a súa "vida" cambia, e complícase: o enfrontamento entre Capuletos e Montescos queda en liorta de patio de colexio comparado co que manteñen zombis e humanos. En fin, que non vos conto máis, botádelle unha ollada ao tráiler, se vos prace. E se vos prace ler o libro, agardade ata o 10 de novembro, que é a data na que chegará ás librerías de por aquí. Eu con avisarvos cumpro, que xa din que "quen avisa non é traidor".

Sofía Casanova na biblioteca de Santa Cruz

procedencia da imaxe

 Foi Sofía Casanova,  galega de Almeiras, un personaxe singular e interesantísimo e, sen embargo, moi pouco coñecido por estes lares. Se cadra porque viviu gran parte da súa vida fóra de Galicia e de España: casara cun nobre polaco, diplomático, que a repudiou porque non Sofía tivo fillos varóns que garantiran a continuidade do liñaxe (sí tres nenas, pero esas non podían herdar o título do pai). Pero se cadra a explicación do amplo descoñecemento que padecemos sobre a vida deste personaxe débese máis ben á tradicional invisibilidade que envolveu ao longo da historia a tantas mulleres notables. Cunha amplísima obra literaria,  Sofía Casanova foi colaboradora habitual dos máis importantes xornais do seu tempo, entre eles o New York Times, sen ir máis lonxe, e moitos sinálana como a primeira correspondente de guerra.
Pois ben, ata o día 1 de xaneiro, tendes a oportunidade de visitar  unha exposición que  ten como tema a obra bibliográfica de Sofía Casanova e que se acaba de instalar na Biblioteca e Centro de documentación da muller de Santa Cruz. Deixádeme que me poña solemne: eu penso que é de xustiza histórica que acudamos á exposición, que nos movamos para coñecer máis desta muller galega universal, a cal, por certo, dinme no blogue das bibliotecas do concello que pasou unha tempada en Mera, alá polo ano 1896.

17/10/11

Un cornecho para a lectura

Aqueles e aquelas de vós que vindes a miúdo pola biblioteca, observariades que  arranxamos unha das esquinas con tres puffs de cores e unha mesiña "de centro". Fixémolo seguindo exemplos que vimos nalgúns blogues das bibliotecas escolares de Galicia (moito nos gusta copiar o que nos gusta!: redunda pero é verdade). Queriamos que vós tamén dispuxerades dun sitio cómodo e alegre onde ler e relaxarvos das tantas veces pesadas tarefas académicas. Non sei que vos parecerá a vós como quedou o tal cornecho, pero pódovos asegurar que á xente de primeiro de ESO encantoulle. E como proba disto que digo, aporto un documento gráfico: a foto que incorporo a este post onde se pode apreciar  a cara de felicidade que teñen estas rapazas de primeiro  ás que pillamos en pleno uso e "disfrute" do novo espazo.

12/10/11

Nova edición do Premio "Gloria Fuertes"

Procedencia da imaxe
Vénse de convocar o XIII Premio de Poesía Juvenil Gloria Fuertes.  Lembrade que xa o ano pasado vos avisei nun post do 12 de decembro da duodécima edición deste premio. E como acabo de comprobar que nada cambia na convocatoria deste ano con respeto á do ano pasado ( contía do premio, límites de  idade dos participantes, prazos, etc), ao post xa publicado vos remito para máis información: 
De interese para quen teña 16 anos e 500 versos, polo menos
Vía: blogue da Biblioteca Virtual Cervantes

11/10/11

Laura Gallego publicará "Donde los árboles cantan"

Procedencia da imaxe


Anunciábao "El País" hai uns días: Laura Gallego volve á literatura xuvenil coa novela titulada Donde los árboles cantan, que sairá á venda o 14 deste mes de outubro. Cópiovos a continuación un fragmento do post de Papeles Perdidos onde nos adiantan os contidos desta obra que seguro que moitos ansiarán ler.
 
Donde los árboles cantan, una historia de iniciación en la que mezcla géneros. Empieza como una novela de aventuras ambientada en Nortia, en el reino medieval, se interna de lleno en el terreno de la fantasía y sostiene una intensa historia de amor. Viana, la protagonista también sufre cambios importantes a lo largo de las 477 páginas de la obra. Educada como una dama para convertirse en la perfecta esposa, su destino cambia de manera radical y para siempre, cuando se cumple la amenaza de invasión de los bárbaros del norte sobre el reino.
Quen non queira esperar ata o 14, aquí ten un adianto para ir abrindo o apetito lector: o capítulo 8 de Donde los árboles cantan, En el que se cuenta el viaje de Viana a través del gran bosque y el sobresalto que sufrió junto al arroyo (pdf)

4/10/11

Voluntariado europeo


Encárganme que vos conte que a Fundación Paideia convoca unhas xornadas que titula "Voluntariado y dinamización en Europa". Podía adiantarvos algo do contido destas xornadas porque algo disto xa estiven comentándoo en 1º B, onde deixei unha copia do folleto que a citada fundación nos enviou, pero ando moi ocupada "abalando" e  rógovos que me desculpedes se esta vez deixo que falen os enlaces. Que para iso están, non? Para que o que queira saber máis, clique (neste caso na imaxe) e se entere do que lle apeteza e pola súa conta. Eu só vos adianto que se queredes asistir a estas xornadas (ollo: son para maiores de 18 anos), espabiledes: hai que preinscribirse e o aforo é limitado, o cal debe de querer dicir que caben poucos.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...