Superados uns pequenos atrancos cos códigos de barras, quedan pousados no seu correspondente andel os dez novos exemplares de Plenilunio, a popular obra de Antonio Muñoz Molina, que a biblioteca mercou para uso de calquera que lle apeteza lela, por suposto, pero sobre todo para uso dos alumnos e alumnas de segundo de bacharelato, que deberán dar conta desta novela nas próximas probas de Selectividade. E para que uns e outros vaian entrando en materia, se o estiman oportuno, déixolleos uns links onde poden ler unha sinopse do libro e as dez primeiras páxinas. E, por que non, tamén coloco aquí o tráiler da película de Imanol Uribe baseada nesta obra de Muñoz Molina. Sinopsis e ficha de Plenilunio (editorial Alfaguara) Primeiras páxinas de Plenilunio
Se tes escrito un mínimo de 500 versos e non sabes que facer con eles, teño unha suxestión para ti. Que tal se os reúnes nun libriño, lles buscas un título xeitoso (seguro que imaxinación non che falta: se xa compuxestes cinco centos versos, argallar un título ten que ser pan comido para ti) e os envías ao concello de Dodro? Digo isto porque o tal concello acaba de convocar, ou eu acábome de enterar, o XXV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, co que pretende honrar a memoria do seu ilustre bardo e "contribuír á promoción da poesía galega", segundo din os convocantes do concurso. E, de paso, digo eu, alegraranlle a vida ao poeta (home ou muller, of course) que consiga o substancioso e único premio de 2300 euros e, o que seguro é máis importante para o noso poeta: a publicación da súa obra na editorial Sotelo Blanco. Así que ánimo, alum@s e exalumn@s afeccionad@s á poesía: a concursar e a gañar, se se pode.
Teño á miña esquerda, no anaquel máis alto deste mini despacho, no lugar exacto onde aterrizan os libros que chegan á biblioteca, unha morea de lecturas que van facer que lles caia a baba aos larpeiros lectores e lectoras deste instituto. Cítovos algúns títulos para que vexades que non falo por falar. Por exemplo, El coleccionista de sellos, de César Mallorquí, ou El caballero fantasma, de Cornelia Funke (preciosísimas as ilustracións de Fiedrich Hechelman), ou unha nova versión de Blancanieves (tamén moi logradas as ilustracións de Iban Barrenetxea), o xa famosísimo Los juegos del hambre, de Suzanne Collins... etcétera, etcétera, etcétera. Non imos tardar moito en rexistrar todos estes títulos e en catalogalos como é debido, e xa estarán listos para ser devorados. Que aproveiten.
Mirade que cartel tan bonito, tan azul, nos argallou Andrés Meixide (clicade, a súa páxina é moi graciosa), a nós e ao resto das bibliotecas escolares de Galicia, con motivo do novo curso escolar. Permítome colocalo neste post porque me parece un bo xeito de ilustrar o reencontro que estamos protagonizando os lectores e lectoras do María Casares, e unha excelente pancarta de benvida para os nenos e nenas que se incorporan este curso ao noso instituto. A uns e outros quero recordarvos que a biblioteca está aberta e lista para acoller as vosas ansias lectoras. Non deixedes de acercarvos e permanecede atentos ás ofertas de actividades que estamos preparando para vós.
Gracia Santórum, Anxo Fernández e unha morea de rapaces e rapazas, todos eles do IES Forcarei, fixeron este divertido vídeo de exaltación dos libros e da lectura. Aquí volo deixo xunto coa letra da canción que serve de fondo ao vídeo. Copieina do mítico blogue Trafegando ronseis, obra dos prolíficos Gracia e Anxo. A ambos as nosas gracias e parabéns polo seu continuado e magnífico traballo.
Chega o tempo de ir á praia, de descansar e, por suposto, de ler. Aproveita estas vacacións para saborear todos aqueles libros que non puidestes ler ao longo do curso por falta de tempo. Que non tes libros en espera? Mal feito, unha listiña dos libros que queres ler é sempre unha boa compañeira: permíteche anticipar a ledicia de ler e ata traballar con máis ganas para lle facer sitio a ese libro apaixonante que che está esperando. De calquera xeito, se tampouco na elección de lecturas es unha persoa previsora, sempre hai quen che bote unha man. Neste caso moitas mans, porque nos blogues das bibliotecas escolares galegas atoparás máis suxestións que días ten o verán. Clicando nos links verás unhas cantas. Eu vou colocar aquí as recomendacións da miña amiga Begoña, do IES Fernando Esquío. Gracias Begoña por compartir connosco o teu excelente traballo.
Aquí tendes as fotos que dan fe de que o club de lectura chegou a fin de curso en plena forma. Tende en conta que non están todos os que son: algúns dos membros chegaron tarde por ter que rematar un exame, que andamos estes días que non damos abasto. Repuxemos forzas e puxémonos de acordo no único punto da orde do día:
Para o curso que vén volvemos con máis lecturas!
Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega mándavos un "moi cordial saúdo" desde o prólogo deste pequeno libriño cuxa portada podedes ver na imaxe deste post e que ides recibir próximamente. Nel cincuenta académicos repasan cadansúa figura das que teñen protagonizado ese día de festa da cultura galega. De todas as reseñas, a miña favorita é a que Manuel Rivas lle dedica a Alvaro Cunqueiro. Vede que ben empeza:
O primeiro dereito dos humanos é o dereito a soñar. E abofé que o exerceu. Alvaro Cunqueiro é o señor dos Soños.
Se aínda non tendes o voso exemplar do caderniño Todas as Letras do día das Letras Galegas, pasade pola biblioteca e pedídello á profesora encargada. Ou ben lédeo aquí mesmo na versión dixital que a RAG por á disposición dos internautas: Todas as letras do día das letras galegas.