Os críticos din que os libros de Malcolm Gladwell simplifican en exceso, que ás súas teses fáltalles “supporting evidence”, que vén sendo algo así como unha sólida fundamentación. Penso que teñen razón. Agora ben, os lectores, moitos lectores, adoran a este escritor e demóstrano mercando os seus libros masivamente. E xa van tres: La clave del éxito, La inteligencia intuitiva e agora Fueras de serie, todos eles best sellers en Estados Unidos e os dous primeiros tamén no mercado español. Que explica logo o éxito deste escritor? Que é un auténtico mestre na arte de narrar de forma amena. Gladwell sabe pórlle rostro humano ás súas ideas e darlles vida en anécdotas contadas ademais con certa intriga. Como se dunha novela de Agatha Christie se tratase, queres seguir lendo para descubrir a conexión entre os feitos narrados e as teses que defende o escritor. Un exemplo: empezamos o primeiro capítulo asistindo a un emocionante partido de hockey xuvenil en Vancouver e rematamos convencidos de que todas as estrelas do equipo chegaron a esa condición non polos seus méritos sen máis senón sobre todo por un cúmulo de circunstancias, a máis importante das cales, e á vez sorprendente, parece ser que todos eles naceron nos dous primeiros meses do ano. Moi sorprendente tamén a “explicación étnica” dos temidos accidentes aéreos, pero disto non vos adianto máis por se vos animades a ler o libro.
Polo demais, o libro non parece conter grandes ideas orixinais. Gladwell non lle dá moita importancia ao talento innato e si en cambio ás circunstancias sociais, culturais, familiares e sobre todo ao entrenamento duro. Nisto último insiste unha e outra vez: para destacar nunha actividade é preciso traballar moito. Pero moito, moito. É máis, Gladwell ten feito o cálculo e ponlle unha etiqueta ao esforzo que debes facer para ser un “fóra de serie” en calquera campo: a regra das dez mil horas. Efectivamente, a excelencia nunha actividade require, segundo Gladwell dun adestramento previo de non menos dese tempo. Os Beatles, Bill Gates, Einstein tiñan talento natural, claro, pero iso non explica o seu éxito senón as circunstancias favorables e o empeño co que buscaron a perfección na súa actividade.
Así que xa o sabes, se queres ser moi bo ou boa en algo, xa podes ir empezando, que dez mil horas son moitas horas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario