Os alumnos e alumnas de primeiro de ESO andan estes días a voltas coa novela de aventuras: que se un heroe como protagonista, que se un antagonista que estea á altura, que se unha viaxe, que se acción a punta pala, etc, etc, etc. É inmensa a capacidade que teñen os libros de texto, moitos deles polo menos, de facer aburrido o tema máis apaixoante. Imos botarlles logo unha man desde este blogue á xente de primeiro con dúas suxestións que lles fagan máis lixeira a carga de traballo e, a poder ser, que lles permitan entrar no moi concorrido club dos amantes das novelas de aventuras. A primeira, a presentación que precede estas liñas: amena, completa e co reforzo de imaxes que sempre axuda a fixar na memoria os tantas veces engorrosos contidos.
E a segunda, a que nos vai permitir saber aínda máis, pero moito máis, sobre as novelas de aventuras, é un blogue dedicado de pe a pa a este xénero literario. Chámase novelasdeaventuras.blogspot.com. e ten unha lista exhaustiva de títulos e autores, biografías, portadas das edicións máis populares, links ás obras completas (moitas en inglés) ou primeiros capítulos, vídeoclips de películas baseadas nas novelas comentadas. En fin, que de alí non sairedes sen levar na cabeza polo menos media ducia de títulos para ler urxentemente.
A imaxe pertence ao blogue novelasdeaventuras
No hay comentarios:
Publicar un comentario