Sabemos que os ocasionais lectores e lectoras deste blogue sodes xente educada e que sabe estar, pero de vez en cando hai que "actualizar" os modais para deixalos niquelados e sen asperezas fastidiosas. Pois ben, isto que vos vou presentar agora mesmo é o máis gráfico e ameno que eu atopei en Internet sobre a maneira correcta e amable de se comportar na rede. Chámase Netiquetate e trátase dun proxecto de Pantallas amigas. Moitas das normas xa as coñeceredes, pero outras se cadra non. Por exemplo, a min chamoume a atención un consello relacionado coa xestión do correo electrónico: o de non marcar á lixeira como spam un correo non desexado para non prexudicar ao seu remitente. Tomo nota e prometo ter máis conta no futuro.
Todo isto vino en What's new, un blogue que procuro consultar para manterme ao día no que se refire ás aplicacións gratuítas que van aparecendo en Internet. E ao igual que o responsable do citado blogue eu tamén vos aconsello ampliar a información sobre o tema da netiqueta en pantallasamigas.net, ver os vídeos que vos ofrece esta páxina e descargarvos o pdf con todos os bos consellos netiqueteiros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario