20/12/11

Bibliotecas escolares e municipais de luxo


As bibliotecas galegas xogan na primeira liga da cultura e o traballo ben feito. E afortunadamente vailles chegando o recoñecemento. Hai uns día soubemos que nada menos que seis bibliotecas escolares galegas saíran premiadas no Concurso Nacional de boas prácticas para bibliotecas escolares 2011, do Ministerio de Educación. Unha desas bibliotecas, a do CEIP de A Lama (Pontevedra)  conseguiu o primeiro premio na modalidade A, que comprende centros de infantil e primaria. Botádelle unha ollada ao blog desta biblioteca, O recanto de Leo, veredes que alma de lectores e artistas teñen estes pequenos e pequenas. En fin, que temos que estar orgullos@s do bo funcionamento das nosas bibliotecas e, por suposto, aproveitar as oportunidades que nos brindan. Nós desde  este blog enviámoslle a nosa felicitación a todo o persoal das bibliotecas premiadas, e aos seus alumnos e alumnas. Noraboa e a seguir traballando tanto e tan ben.


E encantadas estamos tamén de lles mandar a nosa máis entusiasta noraboa ás  bibliotecas municipais de Oleiros por outro recente primeiro premio que acaban de gañar: o  María Moliner, o máis importante galardón que pode recibir unha biblioteca neste país. Neste caso, o María Moliner considerou que o proxecto de animación á lectura que presentaron as bibliotecas oleirenses era o mellor de todo o estado. O tal proxecto titúlase Lecturas refrescantes. Podedes consultalo clicando no link correspondente.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...