6/11/13

Contar a ciencia




Sempre vos digo que tendes que concursar máis, que de vez en cando hai que arrumbar os complementos directos, os morfemas, lexemas e demais florituras coas que enredamos nas clases de lingua, agarrar o bolígrafo (ou o teclado, claro) e poñerse a escribir cun propósito que non sexa o de aprobar o próximo exame ou o de dicirlle ao teu amigo da alma a que hora quedades non sei onde. Por exemplo, co moi loable propósito de gañar un concurso literario. Coma o que convoca o grupo DIVULGATIA, de Universidade de Vigo, sen ir máis lonxe.  Que tendes que facer para concursar? Só un relato de aproximadamente tres follas de tamaño A4 relacionado con algún personaxe que destacara no campo das ciencias, ou un experimento científico-caseiro que fixerades vós ou do que teñades coñecemento, ou a historia dun descubremento, etc, etc, etc. Na páxina de DIVULGATIA atoparedes moita máis información, as bases do concurso, un poster, vídeos das entregas de premios e incluso os libros que levan publicado cos relatos de edicións anteriores (esta é a 6ª). A ela vos remito, que eu teño que liscar a fume de carozo porque  aínda me queda por redactar un novo post sobre outro concurso. Lembrádevos que se precisades unha man amiga que queira axudarvos na redacción e crítica do voso traballo, na biblioteca estamos moi dispostas a  ofrecérvola.

Ciencia que conta: bases.
Traballos premiados en edicións anteriores

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...