14/2/13

En San Valentín, "Orgullo y prejuicio"



Se me pedides que vos recomende  un libro que encaixe co espíritu "romántico" do San Valentín pero mantendo o tipo e sen caer na empalagosidade, o primeiro que me vén á cabeza é "Orgullo y prejuicio" ("Pride and prejudice"), da escritora inglesa Jane Austen. Claro que hai moitas posibilidades de que a mesma recomendación vola fixese, digamos,o 12 de agosto, por poñer unha data ao chou. E esta recurrencia, esta monotonía recomendadora débese, por un lado, a que me chifla Jane Austen; e, por outro, a que "Orgullo y prejuicio" acaba de estar de aniversario: 200 aniños de nada que cumpliu esta novela e segue tan aguda e  tan fresca coma sempre. E tan popular: sen ir máis lonxe, en Gran Bretaña véndense uns 50.000 exemplares de "Orgullo y prejuicio" cada ano. Porque somos moitos (e aínda máis moitas) os enamorados perdidos de Jane Austen. Un deles, o escritor inglés Matin Amis, quen dicía hai xa uns anos, no 1998, que Jane Austen era máis popular que Quentin Tarantino, a pesar de levar morta case douscentos anos. Non está ao meu alcance medir a popularidade de ningún deles, pero teño que dicir que os relatos de Austen resúltamente moito máis atractivos que os de Tarantino. Así que, animádevos, facédeme caso por unha vez, e atrevédevos a ler "Orgullo y prejuicio". E para ir facendo boca, déixovos o tráiler dunha das últimas adaptacións cinematográficas da novela de Jane Austen.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...