22/4/13

Rexenerando a flora dos cantís de Santa Cruz

A ONU quixo hai corenta e tres anos e segue querendo hoxe que nos deamos conta de que é moi necesario coidar e respectar o planeta en que vivimos. Por esa razón proclamou o 22 de abril como o "Día da Terra", para que nos lembremos desa necesidade e a teñamos en conta o resto do ano. Así que hoxe, en todo  o mundo, millóns de persoas estarán participando en distintas actividades e porán de manifesto o seu compromiso co coidado do noso planeta. Sen ir máis lonxe, Google publicou hoxe un doodle conmemorativo, que podedes ver na páxina deste buscador (que era de nós cando non había Google?). E os alumnos e alumnas de 1º de ESO deste centro deixaron a un lado os libros de texto e participaron con entusiasmo nunha actividade promovida polo departamento de Ciencias Naturais e o concello de Oleiros. Así que durante unha mañán rapaces e rapazas dedicáronse a preparar primeiro e a sementar despois plantiñas, coas que pretenden rexenerar a flora autóctona dos cantís de Santa Cruz. Certo que todo isto non o fixeron hoxe senón o xoves da semana pasada, día 18, pero non cabe dúbida de que gracias a eles a Terra lucía un chisquiño máis bonita no día da súa festa.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...