-Elixe un libro que che guste para comentar ou para recomendar aos demáis.
-Elixe un libro que che guste para comentar ou para recomendar aos demáis.
O 23 de abril, día do libro, imos celebrar unha feira do ídem que vai mandar truco, unha especie de bookcrossing "de andar por casa", que diriamos en castelán (estame quedando un "post" trilingüe do máis ultramoderno) . Ti traes un libro (ou dous ou tres...) que xa leras e non che interese conservar, nós dámosche un vale que vas poder canxear por tantos outros libros como trouxeches. O mesmísimo día 23 organizamos unha exposición con todos os libros e deixámosche que escollas aquel título ou títulos dos traídos polos teus compañeiros que máis che interese.
Para que teñas en conta prazos, lugar de entrega dos libros e demais cuestións organizativas cópioche a continuación as instruccións que argallaron os organizadores do evento literario-festeiro:
“Cada persoa pode traer cantos exemplares queira (poden ser libros ou cómics) xunto coa autorización, no caso de que sexan alumnos, dos pais e titores; na parte baixa hai un vale que deben recortar e gardar.
A entrega será en Vicedirección ou na Biblioteca
A recollida de libros será realizada ata o martes 21 de abril no 2º recreo.
O día 23 haberá unha exposición no vestíbulo dos libros doados e será organizado un horario de baixada para que os alumnos que teñan vales queiran canxealos polos libros expostos.”
Os críticos din que os libros de Malcolm Gladwell simplifican en exceso, que ás súas teses fáltalles “supporting evidence”, que vén sendo algo así como unha sólida fundamentación. Penso que teñen razón. Agora ben, os lectores, moitos lectores, adoran a este escritor e demóstrano mercando os seus libros masivamente. E xa van tres: La clave del éxito, La inteligencia intuitiva e agora Fueras de serie, todos eles best sellers en Estados Unidos e os dous primeiros tamén no mercado español. Que explica logo o éxito deste escritor? Que é un auténtico mestre na arte de narrar de forma amena. Gladwell sabe pórlle rostro humano ás súas ideas e darlles vida en anécdotas contadas ademais con certa intriga. Como se dunha novela de Agatha Christie se tratase, queres seguir lendo para descubrir a conexión entre os feitos narrados e as teses que defende o escritor. Un exemplo: empezamos o primeiro capítulo asistindo a un emocionante partido de hockey xuvenil en Vancouver e rematamos convencidos de que todas as estrelas do equipo chegaron a esa condición non polos seus méritos sen máis senón sobre todo por un cúmulo de circunstancias, a máis importante das cales, e á vez sorprendente, parece ser que todos eles naceron nos dous primeiros meses do ano. Moi sorprendente tamén a “explicación étnica” dos temidos accidentes aéreos, pero disto non vos adianto máis por se vos animades a ler o libro.
Polo demais, o libro non parece conter grandes ideas orixinais. Gladwell non lle dá moita importancia ao talento innato e si en cambio ás circunstancias sociais, culturais, familiares e sobre todo ao entrenamento duro. Nisto último insiste unha e outra vez: para destacar nunha actividade é preciso traballar moito. Pero moito, moito. É máis, Gladwell ten feito o cálculo e ponlle unha etiqueta ao esforzo que debes facer para ser un “fóra de serie” en calquera campo: a regra das dez mil horas. Efectivamente, a excelencia nunha actividade require, segundo Gladwell dun adestramento previo de non menos dese tempo. Os Beatles, Bill Gates, Einstein tiñan talento natural, claro, pero iso non explica o seu éxito senón as circunstancias favorables e o empeño co que buscaron a perfección na súa actividade.
Vladek Spiegelman é o protagonista de Maus. Como tantos vellos, esquece acontecementos da súa vida cotiá pero é capaz de revivir e relatarlle ao seu fillo, Art Spiegelman, coa precisión dun notario, o seu pasado máis lonxano. Claro que hai pasados e pasados, e o de Vladek ten que ser moi difícil de olvidar. Nacido en Polonia nunha familia xudía acomodada, presenciou, baixo o dominio nazi, a perda de todos os seus bens, o exterminio de case todos os seus parentes, incluído un fillo de tres anos, a reclusión voluntaria en zulos e para rematar o horror de Auschwitz …Vladek cóntalle todo isto ao seu fillo, e este cóntanolo a nós empregando viñetas en branco e negro, nas que os diferentes grupos humanos se representan mediante formas animais. Así, os xudeus son ratos (que poñen caretas de porcos cando queren pasar desapercibidos, pero véselles o rabo…); os alemáns, gatos; os polacos, porcos e os americanos cans. Créase deste xeito, coa a ausencia de cores e a deshumanización das persoas, unha atmosfera moi apropiada para os feitos que se relatan. Nalgunhas críticas dise que Maus trata do Holocausto xudeu. Isto non é totalmente exacto: non hai mención de feitos históricos. En todo caso, trátase dun testemuño persoal dun supervivente do Holocausto.
