Na biblioteca do IES María Casares queremos celebrar a festa de San Valentín, claro que si. Parécenos que é un bo momento para lembrar que ao comezo de todo está o amor, que todo o que precisamos é o amor e que o amor está en todas partes. Hai demasiada mala uva e aspereza polo mundo para que deixemos pasar como si nada unha festa dedicada ao campión dos bos sentimentos. Xa sabemos que os centros comerciais queren arrimar a auga ao seu muíño e incitarnos a que o celebremos todo, tamén os sentimentos, tan inmateriais eles, mercando a esgalla. Pero non hai por que lles facer caso, se un non quere. E dito isto, sigamos por onde íamos. Repito que na biblioteca nos sumamos xa hai uns días á celebración sanvalentiniana e enchemos a porta e arredores de corazóns de cartolina (véxase foto), dentro dos cales laten eternos poemas de amor e olvido, algúns clásicos, outros sacados da cultura pop. Logo, no interior, na mesa de novidades, entrando á dereita, argallamos unha exposición de libros de temática amorosa. Son só algúns, que non nos caben máis, porque xa sabedes que tema máis tratado na literatura que o amoroso non o hai. Todo isto vén a conto de lembrarvos que veñades pola biblioteca, pilledes un libro de temática amorosa e o leades. E xa veredes como estas datas xa de por si tan simpáticas do San Valentín as pasades aínda mellor.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario