3/3/12

De San Nicolás a Corfú cunha pausa para madalenas


A tropa que formamos o club de lectura  acabamos de chegar, como quen di, das costas californianas, concretamente da illa de San Nicolás, tamén chamada en selectos círculos literarios (nos que nos movemos tal cal peixe na auga) "Illa dos golfiños azuis". Despedímonos de Karana, á que deixamos en terra firme, unha vez que un providencial barco a rescatara, iso si, con 18 anos de retraso, da illa na que quedara soa e abandonada. Que a tal illa sería moi paradisíaca e todo o que queirades, pero, como a propia Karana afirmaba, onde estea unha voz humana, que se quiten todas as flores silvestres e os paxariños que pían.

E coa mesma, comunicámoslle ao resto do mundo, que seguramente se apaña ben sen sabelo, que fixemos as maletas nun plisplás e saímos disparados coma foguetes cara outra illa, esta vez máis próxima, aí ao lado, no mar Xónico: Corfú.  E por alí andamos na compaña dos Durrel, unha familia algo estrafalaria, pero moi divertida e algúns outros animaliños, salvaxes e de compaña. Contamos con que a nosa estancia literaria por aquelas míticas terras dure todo o mes de marzo, polo menos, e, se fai falta, parte de abril. Certo que o 16 de marzo, no segundo recreo, faremos un alto para falar (dos Durrell) e comer (madalenas dietéticas). Necesitamos repoñer forzas: levamos unha vida lectora moi estresada.

A todo isto, se cadra é preciso aclarar que estamos lendo "Mi familia y otros animales", de Gerald Durrell. Pois si é así, queda dito. E unha observación  máis: mirade que cartel máis bonito fixo Marisa, a profesora de galego, para informar das nosas lecturas. Esta muller é unha artista. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...