20/11/12

Un recuncho para a inspiración


Preséntovos hoxe o Recuncho da poesía (segundo se entra no salón de actos á man dereita), un lugar máis que recomendable para quen queira inspirarse e compoñer versos. Que conste que eu son das que pensan que "inspiration is perspiration", pero todos precisamos de un empurronciño de cando en vez para nos poñer a funcionar. E o recuncho da poesía pretende precisamente esporear a vosa vena poética ofrecéndovos un lugar para escribir (O caderno de poesía), outro para expoñer (este blog), uns modelos de poemas escritos por autores consagrados e outros menos consagrados que soen ben, e incluso un pequeno premio á constancia e ben facer. Cópiovos a continuación o funcionamento do "recuncho" e da actividade que pretende por en marcha:

Neste taboeiro atoparás periodicamente un poema.
Na mesa terás copias en pequeno formato.
Trátase de que escollas os que che gusten, ou todos os que vaian aparecendo.
No caderno que se che facilitará na biblioteca irás pegándoos por orde e facendo un comentario, unha creación propia partindo do modelo, unha ilustración... o que se che ocorra.
Ao final de curso recolleranse os cadernos e serán premiados aqueles que o xurado correspondente considere mellores.


E a continuación, o primeiro poema inspirador:

Á irmá maior non lle gustaba ter que levar sempre
A irmá pequena
Á irmá pequena non lle gustaba ter que vestir sempre
Roupa vella
Da irmá maior
Ademais
Non se parecía en nada
A irmá pequena
Á irmá maior
Nin
A irmá maior
Á irmá pequena

No sorriso

No brillo azul das súas meniñas

No medo que lle tiñan ás noites escuras de inverno
Cando
A irmá pequena
Se metía calandiño na cama
Da irmá maior
E
A irmá maior
Abrazaba con toda a súa forza
Á irmá pequena

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...