3/3/16

O Pergamino Vindel


Ata o 19 de marzo podedes visitar, na sede de Afundación de A Coruña, a mostra que o editor Moleiro (www.moleiro.com ) organizou para presentar a edición facsímil do Pergamino Vindel.
Os que estudades Literatura sabedes que as cantigas en galego-portugués representan o cumio da lírica europea do século XIII, e tamén que se conservaron incluídas en Cancioneiros nos que podemos atopar as partituras dalgunhas poesías.
A historia do Pergamino Vindel é apaixoante: un libreiro, Pedro Vindel, atopou en 1914 no seu negocio, unha edición medieval dunha obra de Cicerón, De oficiis, e observou que tiña unhas guardas fermosísimas, moi parecidas a un códice medieval. Esas guardas que "forraban" por dentro o libro de Cicerón resultaron ser unha copia do século XIII en pergamino das famosas sete cantigas de Martín Códax, o máis admirado poeta da nosa lingua.
O pergamino, que tomaría o apellido do seu descubridor, contén as partituras de seis poemas e as sete cantigas de Martín Códax, do que non sabemos máis...


A máis famosa:
Ondas do mar de Vigo 
se vistes meu amigo?
E ai, Deus!, se verrá cedo?
 Ondas do mar levado 
se vistes meu amado?
E ai, Deus!, se verrá cedo?
  Se vistes meu amigo,
o por que eu sospiro?
E ai, Deus!, se verrá cedo?
   Se vistes meu amado, 
por que ei gran coidado?
E ai, Deus!, se verrá cedo?

Déixovos un video coa composición  interpretada por Jordi Savall, na voz de Montserrat Figueras, dos versos de Martín Códax, "Quantas sabedes amar amigo" é a cantiga número cinco.



24/2/16

Rosalía

24 de febreiro... Algún día celebraremos o "Día de Rosalía". 

Rosalía coma  icona inmortalizada nas camisetas de Rei Zentolo

É a data do seu nacemento, en Santiago de Compostela, en silencio, en secreto... A filla dunha muller solteira, a filla dun cura..., que había de ser a escritora máis lida en galego, a poeta precursora da modernidade en castelán (xunto con Bécquer), a nosa primeira simbolista. Nunca son suficientes as louvanzas a Rosalía, mesmo Google homenaxeou á nosa escritora con este doodle:
Foi poeta, novelista, romántica, posromántica e presimbolista, icona para os galegos da lírica, da sensibilidade, da poesía e mesmo da galeguidade.

Dela escribiu Xesús Alonso Montero:

"Vivía nun país sen voz propia e foi ela a primeira, con entidade, en atopar o nome das cousas, das nosas cousas"

Sabedes todos que a súa non foi unha vida doada. Criada no medio rural, en Castro de Ortoño (Ames) pola súa madriña, viviu sempre a "orfandade" e o secreto do seu nacemento.
Educada coma unha "señorita" en Santiago, pronto frecuentou os círculos culturais e intelectuais, coñeceu a Pondal, a Aureliano Aguirre, e brilou entre os homes do famoso "Banquete de Conxo" onde o Romanticismo entrou arrasando e abriu as finestras da provinciana vida galega. Parece ser que por iso a familia decidiu trasladala a Madrid. 
En Madrid coñece a Manuel Murguía, con quen casa e terá os seus fillos. O matrimonio cambia continuamente de domicilio: Madrid, Simancas (onde el traballa no arquivo), Santiago, Coruña, Drodo, Padrón...

Rosalía escribe prosa e verso, narrativa e lírica, en galego e en castelán. Desenrola a súa creatividade a carón da súa familia nunha vida difícil pola inestabilidade económica e a saúde fráxil que a acompañarían toda a vida.
A súa obra narrativa en castelán é absolutamente moderna, romántica e enigmática. Esta novela, que é máis un conto ao estilo de E.T.A. Hoffmann, sería publicada en 1867:

Coñecedes os poemas galegos máis impactantes de Follas Novas e de Cantares Gallegos, e as versións musicadas que deles fixo o trovador e músico Amancio Prada. E tamén recoñecedes que Rosalía ten unha imaxe que xa é patrimonio de todos os artistas e pasou hai tempo a formar parte da nosa vida cotiá e das nosas artes aplicadas:

fotografía, variacións ao estilo Andy Warhol, pop art
cerámica de Sargadelos




A Casa Museu en Padrón, onde morreu en 1885, está sempre aberta ás visitas e ás homenaxes da muller que é xa o símbolo do noso país.

17/2/16

Os títeres de cachiporra


Que son? 
Marionetas, títeres, muñecos de guante... 
Representan de forma caricaturesca personaxes ridículos: o vello celoso, o axente da orde pública lento de entendederas, a moza fermosa e frívola sen cerebro, o rapaz bugallán, o borracho sabio, o vago... 
O de sempre!
E tanto... Hoxe non poderían existir por mor dos guardiáns do "políticamente correcto".
Sabemos que xa na antigüidade romana había marionetas que eran empregadas para sátiras de tipos populares e de costumes.
A primeira mostra que temos é esta escea recollida no Roman de Alexandre, na idade media francesa.





Os italianos empregaron os títeres na Commedia dell'Arte e o seu Pulcinella (aquí Polichinela) foi un dos máis famosos entre os protagonistas da cachiporra.



 Os franceses chamaron ao seu personaxe Guignol, e tamén nós decimos moitas veces bonecos de guiñol
Os ingleses teñen a Punch, aínda que as súas historias son tremendas; hai insultos, escenas de moita violencia, mesmo os nenos teñen que ser informados antes de entrar ás representacións sobre o que van ver nelas.


Os argumentos das obras son sinxelos e presentan a eterna loita entre os listos e os tontos, son cuestións inxenuas, cheas de sátira e malicia, que divertiron dende hai séculos a moitas xeneracións de rapaces que non tiñan tantos entretenimentos coma vós.

Nos anos da famosa Xeneración do 27, o escritor e axitador cultural Federico García Lorca decidiu dotar ao títeres dunha vida máis longa e refinada. Recolleu os textos en  Los títeres de cachiporra, unha colección de obras onde o protagonista, Don Cristóbal, Cristobita, Cristobalín, é unha homenaxe ao antigo Polichinela. Lorca fixo textos de gran calidade para estas obras, chamadas menores, que levaron a tradición dos títeres e do mundo dos titiriteiros por toda a xeografía española.

Nestes tempos revoltos de perda xeneralizada de referentes culturais, convén recordar o que foron os títeres de cachiporra cando os nenos case non contaban e poucos momentos de lecer tiñan para rir todos xuntos aprendendo a querer o teatro.

Mesmo nos vosos benamados Simpson apareceu unha homenaxe aos títeres:







22/1/16

Clase con Ángel Carracedo


foto de Mónica Patxot


Onte veu falar con nós Ángel Carracedo, foi un día importante para o María Casares.
O noso director, Alejandro, fixo unha presentación breve pero significativa: Ángel Carracedo é doutor en Medicina, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela experto en xenética, membro da Academia Galega de Ciencias, director ata hai pouco do Instituto de Medicina Legal de Galicia, da Fundación de Medicina Xenómica de Galicia, Premio Nacional de Xenética, Medalla Castelao, Medalla de Galicia...
O seu currículo apabulla, certo, mais todos vimos que el é, máis que nada, un entusiasta da investigación e da divulgación dos avances dunha disciplina imprescindible para a medicina e tamén para a investigación forense.
Comezou a súa charla decindo que viña a "contarvos un pouquiño a vida da investigación", e eso fixo, con entusiasmo (mermado por unha ciática insistente) El, que formou o grupo punteiro en investigación xenómica, nos contou que traballan de forma interdisciplinar informáticos, matemáticos, físicos, químicos, farmacéuticos, psicólogos, biólogos e médicos... 
A súa presentación do descubrimento do ADN e da formación do "libro da vida" foi un tanto mitolóxica, ou, se queredes, bíblica: no principio
                                   "había vida, pero non había morte nin enfermidade".
Dende o principio da vida na Terra o libro da vida en que está escrito o ADN tivo que programar instruccións de morte celular porque senón non poderíamos sobrevivir xa que continuaríamos medrando e chegaríamos a ter, por exemplo, máis de mil km de intestino (!!!)
Que ben nos explicou que precisamente cando fallan as "instruccións de morte celular" se produce unha variación que os científicos chaman "cancro"!



A fundación pública na que el investiga colabora co SERGAS con máis de trinta mil diagnósticos por ano derivados das súas investigacións. 
Con todo, e foi o que máis vos gustou, a fundación IMELGA (cpapx.xunta.es/instituto-de-medicina-legal-de-galicia) ten un área de estudo que é actualmente a estrela do proxecto: a rama forense. Eles forman o grupo de maior produción xenética do mundo e son consultados frecuentemente polo FBI e por Scotland Yard. 
A medicina forense pode axudar á xustiza a resolver os casos máis difíciles relacionados con asesinatos e tamén ás investigacións derivadas das grandes catástrofes (accidentes, terremotos, incendios...) coa información recabada dos restos de ADN.
Dende o instituto de medicina legal colaboran coas investigacións de Atapuerca, e con casos policiais como o de Alcasser, o caso Bretón, o caso Eva Blanco, as pesquisas sobre os enterramentos de Cristóbal Colón, os atentados do 11M en Madrid, os do metro de Londres, a operación Minstead...
Dúas horas que se fixeron curtas e toda a simpatía e a amabilidade de quen sabe tanto e quere axudar a saber...
Grazas, profesor!

18/12/15

Vacacións de Nadal: tempo de ler e lecer


Alexey Kondakov, Kiev (procedendia da imaxe: recreoviral)


Aínda que non o pareza xa estamos en Nadal.
A felicitación deste ano fai referencia á vida cotiá e a utilización artística do fotoshop que fai o artista ucraniano Alexey Kondakov. A súa cidade, Kiev, aparece normalmente invadida polas súas orixinais instalacións artísticas.

Coma sempre, queremos recomendarvos libros que normalmente non podemos ler nas clases e que temos adquirido hai poucos días.
Xa sabemos que as vacacións son para lecer, para estar cos amigos e coa familia, mais de certo teredes tempo libre e ganas de ler e de regalar, por que non, libros aos vosos.
Velahí tedes unha mostra que podedes coller na biblioteca. Xa sabedes que dende o venres podedes levar 3 libros (ou cómics, ou películas, ou música...) para as vacacións.
Bó Nadal a todos e feliz aninovo 2016.

 Os novos e clásicos Astérix e Obélix atópanse editados en galego, mais Mortadelo e Filemón aínda non están traducidos, ... e van xa moitos...
Ibáñez afronta a realidade deste mes de decembro: eleccións!

Podedes atopar tamén o DVD A esmorga, baseado na novela de Blanco Amor que hai que ler en Bacharelato.

Un ensaio que recolle as cartas entre Emilia Pardo Bazán e Pérez Galdós axudará aos de 4º de ESO e aos de 2º de Bacharelato a entender e recordar (sobre todo iso) algo mellor aos autores do Realismo:




 Dende o Departamento de Matemáticas tamén queren que leades e que apliquedes á vida o que aprendedes nas aulas. Denso pero abarcable (para os maiores) este ensaio divulgativo de Edward Frenkel.  
                                                 

Non é unha novidade, mais xa sabedes que nos gusta innovar: Mary Shelley escribiu en 1821  a súa novela Frankenstein o el moderno Prometeo e nós queremos ter edicións diferentes deste clásico que ledes en Literatura Universal. Engade un comentario de Joyce Carol Oates e ilustracións de Lynd Mard:


Seguindo coa época, non queremos deixar pasar a oportunidade de completar información e de ter unha óptica distinta. A orillas do lago Leman, en Suiza, xuntáronse os máis grandes autores do Romanticismo inglés (Shelley, Mary Shelley, Lord Byron, Polidori) e idearon alí as súas historias de fantasmas, vampiros e seres excepcionais coma Frankenstein... Atopamos esta novela de William Ospina, a ver si vos gusta!


Como non podemos esquecer as vosas preferencias, traemos unha obra seria (ma non troppo) de Wyoming




11/12/15

Neira Vilas, in memoriam




procedencia da imaxe: Editorial Kalandraka
 


    O pasamento do escritor Xosé Neira Vilas tocounos moi de cerca.
    Foi o venres 27 de novembro. Tiña 87 anos.
   A súa foi unha vida longa e intensa.
   A súa labor como novelista, poeta e autor de relatos non pode valorarse sen ter en conta a admiración que sempre despertou entre todos á súa adicación aos galegos "no exterior". 
  Sempre estivo en contacto cos galegos da diáspora, cos exilados republicanos en América, en Buenos Aires, onde residiu dende 1949. Alí estudou Xornalismo e fundou unha editorial, "Follas Novas" (nome ben escollido), xunto coa súa dona, a escritora cubana Anisia Miranda.
   A iniciativa editorial serviu para dar a coñecer a literatura galega, e en galego, en América, mais tamén para surtir de libros na nosa lingua a todos os emigrantes que encheron as cidades americanas dende os anos 40 do pasado século XX. 
  Residiu en Cuba máis de 30 anos. Na capital, La Habana, Neira Vilas tería unha segunda vida editorial adicada á literatura infantil na cabeceira Zunzún.
  Naceu en Gres, no Val do Ulla en 1928, onde nacen as súas lembranzas, gardadas para sempre na xoia Memorias dun neno labrego, publicada en 1961.




   Este é o comezo da historia, Neira Vilas recolle a lingua da súa nenez, e mesmo parece pedirnos que fagamos a lectura en voz alta:
                             
                                "Eu son... Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. 
                           E ademáis, probe. Porque da aldea tamen é Manolito, e non hai quen 
                           lle tusa, a pesares do que lle aconteceu pola miña causa"

  A súa obra abrangue narrativa (Xente no rodicio, Querido Tomás), poesía, ensaio...
  Voltou a Galiza en 1992, e despois dun tempo se estableceu en Gres, na aldea natal, na súa casa, onde está a fundación que leva o seu nome.


  Dende entón, os recoñecementos ao autor de Memorias de un neno labrego foron numerosos: nomeado membro numerario da Real Academia da Lingua Galega, investido Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña, medalla Castelao, Pedrón de Honra, premiado en numerosas ocasións aquí (Premio da Crítica Galega) e no resto de España (Premio Nacional de Crítica).
     No mes de outubro concedeu unha última entrevista ao semanario Sermos Galiza (número 166), hoxe queremos rescatala como homenaxe e como memoria dunha vida enteira traballando pola lingua e pola cultura. Tedes o link: www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/Xose-neira-vilas-fun-activista
 
     Preguntado, como tantos escritores, sobre a causa da vocación de escritor, Neira Vilas confesou:

                                   "Escribo porque escribo en galego. Se fora escritor en español, 
                             hai 20 anos que  o tería deixado. Eu escribirei até que morra, até 
                            que teña cabeza. E tamén me preguntaron outra parvada: como 
                            lle gustaría ser recordado? Por ser unha boa persoa,   non pido máis."

26/11/15

Contra a violencia machista







      O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller chegou ao noso centro con actividades centradas na concienciación dos máis novos e no recordo ás mulleres maltratadas.

     Os alumnos de 2º de ESO C fixeron estes días un mural coa súa titora Marga, o podedes ver no vestíbulo da pranta baixa.







     



























Uxía Algarra, coñecida alumna-artista de 2º de Bacharelato, participa na concienciación dun xeito moi creativo con dúas magníficas fotografías que recordan con dureza e sen edulcorar que vós tamén sodes responsables da violencia e tedes a obriga de pensar un pouco na vosa actitude e no que vedes ao redor.








     Á quinta hora de clase todos pararemos as nosas actividades para dar lectura a un manifesto que un estudante lerá en voz alta. O Concello de Oleiros facilitounos o texto da súa Declaración Institucional do Pleno Municipal, que servirá para reflexionar entre todos sobre a sociedade que estamos costruíndo xuntos. 
    Tod@s temos responsabilidade e tod@s temos que evitar a violencia.
    É un traballo colectivo e é o noso deber cívico. 

19/11/15

SVETLANA ALEXIEVICH, Premio Nobel de Literatura 2015

 



O terceiro xoves de outubro sempre estamos pendentes do Premio Nobel de Literatura. Esta vez, en directo, dende as aulas (grazas á tecnoloxía), vimos como o nome de  Svetlana Alexievich foi pronunciado, en inglés con acento sueco, pola secretaria da Academia sueca.
Quen é Svetlana Alexievich?
Unha xornalista e autora de ensaios e de relatos que naceu en Bielorrusia en 1948.
Svetlana, como todo o mundo a coñece, é unha xornalista de raza mais tamén unha literata de sensibilidade e de estilo inconfundible. Ademáis das súas reportaxes, feitas con moito risco para a súa integridade nun país e nun tempo que non son favorables á libertade de expresión; ela cultiva un xénero literario de seu, a "novela de voces", onde pode dar un espazo aberto á xente común para que fale da súa historia, que non é a historia oficial.
En 1985 publicou A guerra non ten rostro de muller (U wojny ne zenskoje lizo), que ven de ser publicado en castelán e que xa temos como novidade na nosa biblioteca, No 97 saiu a obra que máis fama lle deu: Voces de Chernóbil, unha obra complexa e dura onde reúne reportaxe xornalística con declaracións en entrevistas dos afectados e con relatos dunha sensibilidade extraordinaria.




   O libro contén, xusto ao principio, unha "Nota histórica" que nos serve para pensar no pouco que sabemos dos demáis:
                               Belarús...* Para el mundo somos una "terra incognita" -tierra ignorada-, aún por descubrir. "Rusia Blanca", así suena más o menos el nombre de nuestro país en inglés. Todos conocen Chernóbil, pero en lo que atañe a Ucrania y Rusia. A los bielorrusos aún nos queda contar nuestra historia...





Déixovos o comezo: Liudmila Ignatenko, a muller dun bombeiro falecido despois do accidente da central nuclear,  relata a súa historia de amor e de horror, e tamén denuncia como foron tratados os afectados pola radiación...


  "Una solitaria voz humana"

     No sé de qué hablar... ¿De la muerte o del amor? ¿O es lo mismo? ¿De qué?
   Nos habíamos casado no hacía mucho. Aún íbamos por la calle agarrados de la mano, hasta cuando íbamos de compras. Siempre juntos. Yo le decía: "Te quiero". Pero aún no sabía cuánto le quería. Ni me lo imaginaba... Vivíamos en la residencia de la unidad de bomberos, donde él trabajaba. En el piso de arriba. Junto a otras tres familias jóvenes, con una sola cocina para todos. Y en el bajo estaban los coches. Unos camiones de bomberos rojos. Este era su trabajo. Yo siempre estaba al corriente: dónde se encontraba, qué le pasaba...
    En mitad de la noche oí un ruido. Gritos. Miré por la  ventana. Él me vio:
     -Cierra las ventanillas y acuéstate. Hay un incendio en la central. Volveré pronto.
   No vi la explosión. Solo las llamas. todo parecía iluminado. El cielo entero... Unas llamas altas. y hollín. Un calor horroroso. Y él seguía sin regresar. El hollín se debía a que ardía el alquitrán: el techo de la central estaba cubierto de asfalto. Sobre el que la gente andaba, como él después recordaría, como si fuera resina. Sofocaban las llamas y él, mientras, reptaba. Subía hacia el reactor. Tiraban el grafito ardiente con los pies... Acudieron allí sin los trajes de lona; se fueron para allá tal como iban, en camisa.

    Interesante...



4/11/15

Difuntos ou Samaín

Comenza o mes de Santos cunha ponte de catro días.
Na "previa" vestimos a biblioteca para a ocasión: arañas nas súas teas brancas e negras, cabazas valeiras, velas encendidas, persianas baixas... 
Todo disposto para a lectura. E que toca? Contos de terror! Curtos e máis longos, de autores consagrados (Lovecraft, Stevenson, Poe, Dahl, Borges e S. Ocampo...) e de autores aínda por consagrar.
Pasámolo ben, coas historias de pantasmas e de ultratumba, de aparicións e de mortos vivintes.
Déixovos aquí algún relato curto que tivo boa aceptación.

"Sola y su alma"
     Una mujer está sentada sola en su casa. Sabe que no hay nadie más en el mundo: 
   todos los otros seres han muerto. Golpean a la puerta.

"Un creyente"
     Al caer de la tarde, dos desconocidos se encuentran en los oscuros corredores 
  de una galería de cuadros. Con un ligero escalofrío, uno de ellos dijo: 
     -Este lugar es siniestro. ¿Usted cree en fantasmas?
     -Yo no -respondió el otro-. ¿Y usted?
     -Yo sí -dijo el primero y desapareció. 

Foron publicados na Antología de literatura fantástica de Jorge Luis Borges e Silvana Ocampo. O certo é que non se trata dunha verdadeira antoloxía, xa que foron eles os que crearon os relatos e simularon que foran ideados por outros autores, aos que puxeron nome e, mesmo, unha biografía ficticia.


Xa o decía Pessoa: "O poeta é um fingidor"

26/10/15

Club de Lectura



Xa está en marcha o Club de Lectura Bibliomariacasares.
Estes días tedes visto o carteliño que hai polos corredores e no corcho informativo. Tamén o calendario e as datas de reunión.

Sodes moitos os alumnos de 1º de ESO que queredes participar, mais tede un pouco de paciencia...
Polo de agora comeza o Club de 4º de ESO capitaneado por Cristina.
O primeiro libro seleccionado é de Antoine de Saint-Éxupery, El Principito, unha obra diferente, de obrigada lectura que leva anos apartada, non sabemos por que, da vosa xeración.
É un libro diferente, cun protagonista peculiar. Non sabemos se é unha novela ilustrada, un libro de filosofía, un conto de ciencia ficción, un libro para nenos, un libro para adultos, un libro de autoaxuda... O caso é que hai que ler esta historia e falar dela.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...