15/2/09

O rapaz que sabía demasiado


Co voso permiso, esta vez vou recomendar unha película e non o libro no que se basea, que aínda non lin. Fálovos de Slumdog Millionaire, unha película que están botando estes días nas sás de cine e da que se está a falar moito, entre outras razóns, por aquelo dos óscars que polo visto pode levar. Recoñeceredes que algúns dos seus responsables teñen uns antecedentes cinematográficos do melloriño. Empezando polo guionista, Simon Beaufoy, responsable tamén do guión de Full Monty e rematando polo director, Danny Boyle, quen xa hai uns anos dirixira Trainspotting, unha tremenda película de personaxes desgarrados e marxinais.
Slumdog Millionaire arranca cunha sospeita: un mozo de dezaoito anos, sen estudos oficiais e que se criou nas rúas de Bombai en condicións miserables, pode saber tanto como para estar a punto de gañar 20 millóns de rupias nun concurso de televisión do estilo Quere vostede ser millionario, con preguntas enrevesadas que deixan mudos a moitos universitarios? Non é de extrañar que a policía se faga esta pregunta e, a continuación, elabore a única explicación que lle parece posible: Jamal, o mozo dos suburbios que parece sabelo todo, fai trampas. Así que cando só lle falta unha pregunta para gañar o gran premio, lévano detido.
No interrogatorio saberemos onde aprendeu Jamal todo o que sabe e as razóns que o levaron a participar no concurso de televisión. Pero eu non conto máis, non quero estropearvos a hora de intenso disfrute cinematofráfico que ben seguro pasaredes se ides ver esta película. De momento, déixovos o tráiler para que vaiades "facendo boca".

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...